O servizo de autobús entre Pontevedra e A Canicouva volverá o día 20 á normalidade

Pontevedra
13 de xuño 2023

A Xunta restablece os horarios despois de dar por finalizado o peche da estrada provincial EP-001 derivado das obras de construción da A-57

Marquesiña de autobús na parroquia da Canicouva
Marquesiña de autobús na parroquia da Canicouva / PontevedraViva

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade restablecerá o vindeiro martes, 20 de xuño, os servizos da liña de autobús Canicouva-Pontevedra, tras a finalización do peche na estrada provincial EP-001 motivada polas obras de construción da autovía estatal A-57. 

Deste xeito, o servizo de transporte público recuperará o funcionamento que era habitual ata o peche obrigado da estrada provincial. Así, a duración total da viaxe reducirase en 10 minutos para ter unha duración aproximada de trinta minutos.

Tras a finalización do peche da estrada provincial e dos desvíos habilitados, este 20 de xuño os servizos de autobús retomarán a súa configuración orixinal, recuperándose o tempo de viaxe, os horarios anteriores e os servizos suprimidos. En tempada de verán, de luns a venres, haberá oito rutas en cada sentido; os sábados, dúas de mañá e dúas de tarde para cada sentido; e dúas os domingos en cada sentido.

Ata a data, os servizos tiveron que modificarse para reducir o impacto das obras nas necesidades globais de mobilidade dos viaxeiros, ao provocar un desvío e, polo tanto, un incremento na duración da viaxe de 10 minutos.

Estes axustes supuxeron un cambio nas horas de chegada e de saída dos autobuses durante as tempadas de inverno, tanto en días laborables como en fins de semana, e tamén na tempada de verán, recuperándose agora os horarios anteriores, os servizos suprimidos temporalmente e os tempos de viaxe. 

A información relativa aos servizos restablecidos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.