O Sergas subliña as "enormes dificultades" para resolver a falta de médicos no centro de saúde do Grove

O Salnés
19 de febreiro 2022

Membros da corporación municipal do Grove, co alcalde José Cacabelos á fronte, reuníronse este venres co xerente da área sanitaria Pontevedra-Salnés, José Ramón Gómez, e a directora de Atención Primaria, Belén Piñón

A corporación do Grove reúnese coa Xerencia da área sanitaria
A corporación do Grove reúnese coa Xerencia da área sanitaria / Sergas

Membros da corporación municipal do Grove, co alcalde José Cacabelos á fronte, reuníronse este venres co xerente da área sanitaria Pontevedra-Salnés, José Ramón Gómez, e a directora de Atención Primaria, Belén Piñón.

O rexedor explicou o problema que se vive no Grove coa falta de médicos no centro sanitario no que "de sete médicos que nos corresponden xubiláronse dous, e das cinco prazas que quedan hai unha no aire por baixa de longa duración, polo que só temos catro". Ademais, o próximo mes de abril xubilarase outro facultativo.

Desde a Xerencia recoñecen que no Grove hai menos médicos dos que corresponden a unha vila de 11.000 habitantes que multiplica a súa poboación no verán, pero xustifícanse repetindo unha vez máis que non hai facultativos dispoñibles para cubrir as prazas vacantes.

De modo, que o centro de saúde meco quedará á espera da contratación de persoal. Un proceso que pode prolongarse durante meses ata que poidan incorporarse dous novos profesionais para reforzar o centro de saúde de Monte da Vila.

José Ramón Gómez reiterou que existen "enormes dificultades para cubrir esas prazas, aínda que imos tentar solucionalo a medida que vaia diminuíndo a incidencia da sexta onda da COVID".

O xerente da área sanitaria espera que poidan manterse cinco das sete prazas de facultativos, "xa que esas outras dúas son vacantes que nestes momentos non se poden cubrir" e prevé facelo "ao longo do ano, cando se resolva o concurso para dispoñer de 109 médicos de familia en Atención Primaria para toda Galicia, xa que entre eles estarán os dous que se destinen ao Grove".