O Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, compareceu este martes para informar que o Sergas xa lle trasladou un informe ao Ministerio de Sanidade no que solicita o pase da comunidade galega á segunda fase da desescalada.
Na compaña do director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, e máis o subdirector de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada, Almuíña destacou as medidas de fortalecemento que incorporou nas últimas semanas o Servizo Galego de Saúde á hora de detectar e diagnosticar novos casos sospeitosos de infección por COVID-19, como son: a nova plataforma de seguimento de contactos de persoas infectadas ou o reforzo dos laboratorios de microbioloxía cos que xa se poden realizar 6.500 probas PCR ao día.
Nas últimas horas se detectaron 3 novos casos e que a taxa de contactos contaxiados por positivo é do 2,2%. En canto á realización de probas aos profesionais sanitarios, apuntou que durante a presente semana completarase o 100% das probas do primeiro cribado.
Pola súa banda o BNG negocia co Goberno apoiar unha nova prórroga de 15 días do estado de alarma se se permite a mobilidade plena en todo o territorio galego.
O deputado nacionalista Néstor Rego comentou que nestes momentos o Executivo de Pedro Sánchez aceptaría permitir esa mobilidade interprovincial pero só nos concellos limítrofes, como no caso do País Vasco. Con todo, os nacionalistas insistirán en que os límites provinciais levántense por completo.
O Bloque tamén reclama máis peso dos criterios de dispersión e envellecemento de poboación na repartición dos 16.000 millóns de euros para as autonomías e "reverter a centralización".
RESIDENCIAS
O conselleiro de Sanidade, tamén anunciou que desde a comunidade galega presentarase unha alegación respecto das visitas ás residencias de maiores e persoas con discapacidade, unha cuestión para a que dende a Xunta se deseñara un estrito protocolo e que agora, de acordo á confirmación do Ministerio de Sanidade, poderá ser incluído por cadansúa comunidade autónoma na fase 2.
PROVINCIAS
Así mesmo, o informe trasladado polo departamento sanitario galego pón o foco nas limitacións de mobilidade existentes nas catro provincias galegas e subliña, que 306 dos 313 concellos da nosas comunidade, non teñen casos de transmisión comunitaria durante os últimos tres días. Nesta mesma liña, tamén se solicitan menores limitacións para aqueles concellos con menos de 10.000 habitantes.
O informe enviado por Sanidade, está composto por 107 páxinas e inclúe un total de 55 indicadores que miden a evolución da pandemia da COVID-19 en Galicia, e que atenden a criterios asistenciais, recursos e equipamentos de protección, recursos de laboratorio, control das fontes de infección, recursos humanos ou o control da situación nas residencias da terceira idade e de persoas con discapacidade.