O Sergas realizará un cribado entre os marinenses de 50 a 64 anos

Marín
17 de abril 2021

Este sábado hai en Marín 44 casos activos de covid-19, 2 máis que o venres. O novo cribado realizarase o mércores, o xoves e o venres en horario de mañá e de tarde no pavillón da Raña e estará dirixido a unha cifra aproximada de 4.700 persoas, segundo as cifras facilitadas polo Concello

Material para realizar un cribado de covid-19
Material para realizar un cribado de covid-19 / Mónica Patxot

O Servizo Galego de Saúde realizará a próxima semana un cribado masivo en Marín para intentar frear a expansión da covid-19, que nos últimos días se disparou na localidade e obrigou ao comité clínico de espertos que axudan á Xunta de Galicia na xestión da pandemia a activar o nivel medio de restricións.

A alcaldesa, María Ramallo, anunciou este mediodía a realización deste novo cribado masivo a próxima semana e o Concello deu a coñecer que este sábado hai en Marín 44 casos activos de covid-19, 2 máis que o venres. 

O novo cribado realizarase o mércores, o xoves e o venres en horario de mañá e de tarde no pavillón da Raña e estará dirixido á poboación de Marín que ten entre 50 e 64 anos, sobre 4.700 persoas, segundo as cifras facilitadas polo Concello. 

Segundo explicou a alcaldesa, esta é a franxa de idade que na que máis incidencia de casos positivos hai neste momento. 

As persoas convocadas recibirán a súa cita vía SMS. Indicaranlle o día e a hora á que teñen que acudir ao pavillón deportivo para realizar a PCR.

O obxectivo deste cribado é o de conter o máximo posible a suba de contaxios que se está a producir nos últimos días. Ademais, o Concello lembra que está activo o cribado masivo con tests de saliva nas farmacias dirixido á rapazada de entre 12 e 17 anos.

A alcaldesa chama á participación nestes dous cribados porque "é o xeito máis rápido e eficaz que temos de detectar posibles casos asintomáticos e, por tanto, frear posibles cadeas de contaxios que fagan aumentar o número de casos activos".

Ramallo pediu tamén "moitísima responsabilidade e precaución" á veciñanza en xeral, pedíndolles que cumpran as normas sanitarias vixentes, especialmente no que respecta á hostalaría e ás reunións sociais.