O Sergas levará a cabo no centro de saúde de Mosteiro, municipio de Meis, unha nova rolda de cribados poboacionais con test rápidos de antígenos para detectar o maior número posible de portadores asintomáticos de covid-19 e reducir así a cifra de contagios nesta localidade. As probas están fixadas entre a tarde do día 19 e ao longo de todo o 20 de febreiro.
Nas próximas horas notificarase a convocatoria para participar nesta campaña á poboación do municipio con idades comprendidas entre os 30 e 60 anos que teñan tarxeta sanitaria activa no centro de saúde deste Concello. Son un total de 1.658 persoas.
Para levar a cabo a actuación, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés contará a partir das 15.30 horas do venres no centro de saúde con tres equipos enfermería en cada quenda que se encargarán de efectuar as tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, realización e procesado das tomas de mostras nasofaríngeas, así como de informar os usuarios.
Os resultados negativos destes cribados serán comunicados vía SMS, mentres que os positivos notificaranse contactando directamente por vía telefónica con cada paciente.