O Sergas pecha durante 15 días o ambulatorio de Raxó e non cubrirá as vacacións do persoal no Centro de Saúde de Baltar

Poio
30 de xuño 2022
Actualizado: 19:56

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, amosou este xoves o seu rexeitamento contra a decisión adoptada polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS) de pechar o ambulatorio de Raxó durante 15 días, nas primeiras semanas do mes de xullo, por falta de persoal. A medida farase efectiva desde o vindeiro luns. 

Consulta dun Centro de Saúde
Consulta dun Centro de Saúde / Xunta de Galicia

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, amosou este xoves o seu rexeitamento contra a decisión adoptada polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS) de pechar o ambulatorio de Raxó durante 15 días, nas primeiras semanas do mes de xullo, por falta de persoal. A medida farase efectiva desde o vindeiro luns. 

O alcalde Sobral tivo constancia desta decisión tras recibir unha chamada por parte do xerente da área sanitaria de Pontevedra – Salnés, José Ramón Gómez, e considera que se trata dunha medida que "supón un agravio moi grande para a nosa veciñanza e para as persoas que nos visitan durante o verán, froito da política da Xunta de Galicia de non cubrir as vacantes que deixan os profesionais á hora de coller vacacións e días de lecer".

Sobral lembra que Poio é un municipio turístico "dos máis importantes das Rías Baixas" e que, precisamente, Raxó é unha das localidades que experimenta un maior crecemento de poboación durante os meses de verán. "Que este centro sanitario non estea operativo durante tantos días prexudicará a moita xente, polo que é unha decisión coa que estamos totalmente en contra", aseverou o rexidor. 

O alcalde Sobral entende que a Consellería de Sanidade, como titular deste servizo, "está na obriga de acometer as medidas pertinentes para garantir á cidadanía unha asistencia sanitaria en condicións e, desde logo, pechar un ambulatorio por falta de persoal durante varias semanas dista moito da maneira axeitada de proceder", concluíu.

Luciano Sobral lembra que "a presión asistencia en Poio xa vive unha situación complicada, con listas de agarda interminables nos Centros de Saúde de Anafáns e de Combarro e este peche do ambulatorio de Raxó non fai máis ca agravar o problema".

Silvia Díaz, portavoz municipal de Avante Poio, solicitou xa a celebración da Mesa de Defensa dos Dereitos Sanitarios na que están representados os grupos políticos da corporación municipal, será o vindeiro martes 5 de xullo, e servirá para decidir accións a emprender para evitar este peche. 

Pola súa banda, o grupo municipal do PSdeG-PSOE de Poio sostén que "este é un paso máis no desmantelamento que a Xunta do PP está a provocar na asistencia sanitaria do municipio". O voceiro socialista, Gregorio Agís apunta, ademais, que "a doutora que traballa no ambulatorio de Raxó está próxima á xubilación. O Sergas debe aclarar se este peche en xullo é algo puntual ou se, polo contrario, é o avance do cese definitivo da actividade do ambulatorio, un feito que sería gravísimo".

Por último, o voceiro do PSdeG-PSOE lamenta e critica, unha vez máis, o "silencio cómplice" do responsable do PP local, Ángel Moldes. "Para variar, nin está nin se lle espera cando se trata de defender os intereses da veciñanza ante a Xunta. O señor Moldes ten claras as súas prioridades, que pasan por ter contentos aos seus xefes. Agardamos que, polo menos, neste caso non bloquee nin entorpeza como xa ten feito con outros proxectos", concluíu.

CENTRO DE SAÚDE DE BALTAR

Por outra banda, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Sanxenxo ven de denunciar que "este verán non se cubrirán as vacacións do persoal de enfermaría nin de pediatría no Centro de Saúde de Baltar (Atención Primaria e PAC)".  Aseguran que, de dous equipos que habitualmente se incorporaban ao centro para desprazados, só se incorporará o 1 de xullo unha praza de enfermaría e o 7 de xullo, un facultativo; apuntan que este equipo será, en teoría quen teña que atender todos os desprazados deste concello.

Esta Plataforma engade que "Enfermaría de Coidados e os casos de Psiquiatría pasan agora a ser atendidos por enfermaría de Atención Primaria sen incremento proporcional en persoal, se a isto engadimos que non se cubrirán as plazas ausentes por vacacións do persoal de enfermaría no Centro de Saúde de Baltar, (nin tampouco a de Pediatría), a sobrecarga laboral está asegurada". 

Ademáis esta Plataforma quéixase de que ao persoal de enfermaría non lles permiten coller días libres nin festivos nin no verán e que tampouco lles permiten facer intersustitucións, "o que entendemos como unha restricción dos dereitos laborais".

"Entendemos que sexa difícil para o Sergas cubrir plazas, máxime cando se recortan, cada vez máis, tanto os dereitos laborais como os propios materiais de traballo e engaden coberturas sen o correspondente incremento de persoal; pero mentras os máximos responsables da Sanidade da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, e o alcalde de Sanxenxo andan a facer fotiños e sacar medidas que nin remendos son, cara tapar todas as deficiencias que están a crear as súas xestións; o persoal sanitario e os pacientes dos nosos centros de saúde somos os que soportamos as consecuencias", di a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Sanxenxo.