A petición formulada pola xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés de poder contar coas antigas instalacións do Hospital Naval de Marín en caso de colapso dos hospitais Montecelo, Provincial, Salnés e QuirónSalud Miguel Domínguez pola crise sanitaria do coronavirus non chegou a bo porto. O Ministerio de Defensa respondeu que esas instalacións non poderán utilizarse alegando que, en realidade, o edificio agora xa non é un hospital, senón unha residencia de suboficiais que, como tal, non ten ningún equipamento sanitario.
Fontes sanitarias confirmaron que Defensa fixo chegar esa negativa ao Servizo Galego de Saúde, de modo que foi necesario buscar unha alternativa para o ingreso de pacientes leves no caso de que quedasen sen camas dispoñibles nos hospitais da área sanitaria. Ese Plan B é o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), instalacións dependentes da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.
Segundo esas mesmas fontes, os responsables do CGTD responderon afirmativamente á petición e, no caso de que sexa necesario reforzar a rede de centro sanitarios, poñen as instalacións ao dispor do área sanitaria e poderíanse trasladar pacientes á residencia anexa ás instalacións deportivas, habitualmente utilizadas por deportistas que adestran no Centro.
O CGTD ten capacidade para 104 prazas e comedor para 140. En concreto, teñen 48 cuartos dobres e 8 individuais, todas con baño.
En relación co antigo Hospital Naval da Escola Naval de Marín, que o Sergas valoraba porque tiña capacidade para 100 prazas para pacientes leves, cabe destacar que hai xa moito tempo que non ten ningún uso sanitario e non conta con instalacións preparadas para tales fins. Este é o argumento principal da negativa do Ministerio de Defensa.
O Sergas fixera a petición á Subdelegación do Goberno en Pontevedra, pero foi o Ministerio de Defensa, titular das instalacións, o que respondeu. Alegan esa falta de preparación das instalacións e fontes consultadas por PontevedraViva matizan, ademais, que non se trata dunha negativa rotunda, se non que están dispostos a avaliar de novo a petición no caso de que o panorama sanitario varíe moito.
A xerencia da área sanitaria realizou as peticións de ambas as instalacións dentro dun estudo de "diversos escenarios sanitarios hipotéticos" para buscar solucións ante unha situación na que cheguen a estar "hipoteticamente excedidos por alta demanda de pacientes que precisan ingreso".
Estudan, segun aclararon, "novas opcións complementarias" que, en todo caso, só se utilizarían en "escenarios extremos" de colapso. Estas alternativas están a estudarse a modo preventivo, para evitar ter que buscar alternativas no caso de que cheguen situacións máis complexas das que están a asumir na actualidade.
Servirían para atender a pacientes positivos de Covid-19 de "pre alta", é dicir, pacientes ingresados nos hospitais da área sanitaria que xa superasen "a fase aguda da enfermidade" e que "por distintos motivos, non se puidesen dar de alta". Os seus últimos días de ingreso serían no CGTD e, desta forma, deixaríanse camas libres no resto de centros para "pacientes que tivesen unha situación de saúde máis complexa".