O Sergas indemnizará á familia dunha pontevedresa que faleceu de pancreatite aguda tras ser atendida en Montecelo

Pontevedra
27 de xuño 2024

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Pontevedra xa condenara ao Sergas, pero recorreu. Agora a sección primeira da Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso e confirmou a sentenza  

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo / Mónica Patxot

Unha indemnización de 48.000 euros,  30.000 ao viúvo e 6.000 euros a cada un dos tres fillos da paciente. Iso deberá pagar o Servizo Galego de Saúde (Sergas) á familia dunha pontevedresa que no ano 2019 faleceu dunha pancreatite aguda tras ser asistida no Hospital Montecelo e mal diagnosticada. 

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Pontevedra xa condenara ao Sergas, pero recorreu. Agora a sección primeira da Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso e confirmou a sentenza.

O TSXG ve responsabilidade patrimonial da administración sanitaria e perda de oportunidade na atención a esta paciente. 

O tribunal considera "axustado a dereito" o razoamento de primeira instancia e entende que a contía é "acorde ás cantidades que se adoitan recoñecer nestes casos, atendendo ao grao de probabilidade de que a actuación médica omitida puidese producir un resultado beneficioso e o alcance ou entidade do mesmo".

O Sergas mostrábase desconforme coa indemnización fixada pola xuíza de primeira instancia, pero ningunha das partes discutiu unha perda de oportunidade. Unha resolución administrativa xa determinou que a Administración recoñeceu aos prexudicados unha indemnización global de 30.000 euros e a sentenza elévaa a 48.000.

O TSXG recolle unha sentenza do Tribunal Supremo que sinala que no caso da perda de oportunidade "o dano que se indemniza non é o material correspondente ao feito acaecido, senón a incerteza ao redor da secuencia que terían tomado os feitos de seguirse no funcionamento do servizo outros parámetros de actuación, en suma, a posibilidade de que as circunstancias concorrentes houbesen acaecido doutra maneira; por tanto, ha de valorarse a perda dunha alternativa de tratamento, o cal se asemella en certo xeito ao dano moral , que é o concepto indemnizable".