O Sergas garante un pediatra para Monte Porreiro pero recoñece que aínda non ten substituto

Pontevedra
23 de maio 2019

O centro de saúde de Monte Porreiro seguirá a ter pediatra asignado no seu cadro de persoal. Iso si, polo de agora o Servizo Galego de Saúde descoñece cando se poderá incorporar o novo profesional. Así o recoñecen desde a xerencia da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Pontevedra nun comunicado

Rúa de Luxemburgo, Monte Porreiro
Rúa de Luxemburgo, Monte Porreiro / Mónica Patxot

O centro de saúde de Monte Porreiro seguirá a ter pediatra asignado no seu cadro de persoal. Iso si, polo de agora o Servizo Galego de Saúde descoñece cando se poderá incorporar o novo profesional. Así o recoñecen desde a xerencia da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Pontevedra nun comunicado.

O actual pediatra, que se acollerá á prexubilación, pasará consulta por última vez este venres, unha situación que espertou todas as alarmas no barrio pontevedrés ante a perda deste facultativo que, actualmente, compartía co municipio de Barro.

As autoridades sanitarias explican que o pediatra de Monte Porreiro atende actualmente a demanda de 460 nenos. O centro de saúde conta ademais con dous facultativos de Atención Primaria, que atenden un total de 3.000 adultos e dúas profesionais de Enfermaría, que atenden unha media de 1.800 tarxetas sanitarias cada unha.

A situación de "paro cero" entre os pediatras galegos fai que o Sergas non dispoña de profesionais nas listas de contratación, circunstancia que ocorre de xeito similar noutras áreas sanitarias de Galicia e noutras comunidades autónomas españolas.

Esta "indispoñibilidade" de efectivos para incorporar ao sistema sanitario público é a que está a condicionar, segundo a EOXI, a nova incorporación do efectivo de Pediatría de Atención Primaria do centro de saúde de Monte Porreiro.

A pesar desta situación, a xerencia asegura estar a realizar xestións administrativas e contractuais para que, no momento en que a praza de Pediatría se atope vacante, se conte cun novo profesional no centro de saúde, dando así continuidade á atención pediátrica tanto en Monte Porreiro como en Barro.