O Sergas destinará máis de seis millóns á construción do Centro de Saúde de Marín

Marín
23 de maio 2014

O Consello da Xunta na súa xuntanza deste venres aprobou este proxecto da Consellería de Sanidade      

O Servizo Galego de Saúde vai destinar máis de 6 millóns de euros á execución da obra de construción do centro de saúde de Marín, en Pontevedra, nunha parcela cedida polo Concello. Esta obra enmárcase no programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e o seu prazo previsto de execución é de 17 meses. O Consello da Xunta na súa xuntanza deste venres aprobou este proxecto da Consellería de Sanidade.

O centro de saúde contará cunha área médica con 23 consultas, unha área pediátrica con 8 consultas, consulta de matrona e educación maternal, fisioterapia, traballador social, sala de raios (compartida co punto de atención continuada) e consultas polivalentes. Ademais, terá unha área de administración cun arquivo, almacéns e outros servizos comúns.

A superficie total do centro será superior a 3.700 m2. Tamén disporá dun punto de atención continuada (PAC) cunha zona de consultas e de observación.

Este novo centro da rede sanitaria pública galega atenderá unha poboación dunhas 24.100 persoas e suporá que tanto os profesionais como os usuarios dispoñan dunha infraestrutura moderna e adaptada ás súas necesidades, dando unha mellor resposta ás necesidades de saúde presentes e futuras dos veciños deste municipio.