O Sergas citará a 1.000 maiores de 80 anos ao día para a terceira dose da vacina da covid e a antigripal

Pontevedra
24 de outubro 2021

A administración simultánea das terceiras doses da covid-19 e da vacina antigripal comezará este luns 25 de outubro nos distintos centros de atención primaria. Os usuarios recibirán unha mensaxe por SMS informando da data e hora, así como do lugar ao que que se deben achegar para a administración desta dose de vacina

Unha dose da vacina contra a Covid-19
Unha dose da vacina contra a Covid-19 / Mónica Patxot

Arredor de 1.000 maiores de 80 anos recibirán cada día na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés a dobre vacinación da terceira dose contra a covid-19 e antigripal. 

Segundo a información facilitada pola área sanitaria, a administración simultánea destas terceiras doses e da vacina antigripal comezará este luns 25 de outubro nos distintos centros de cabeceira dos servizos de atención primaria.

Ambas vacinas poderán administrarse nun mesmo acto, aínda que en lugares anatómicos diferentes.

Ese millar de usuarios diario recibirán unha mensaxe por SMS informando da data e hora, así como do lugar ao que que se deben achegar para a administración desta dose de vacina.

Ademáis, tanto no Hospital Montecelo como no Hospital do Salnés, seguirase vacinando de segundas doses fronte á covid-19 e o Sergas manterá o sistema de autocita e a vacinación libre durante esta semana.

Desde o Sergas lembran que que hai dispoñibles máis ocos de autocita en quenda de mañá para maiores de 12 anos. Para coller cita poderase acceder a través da páxina web do Sergas (https://cita.sergas.gal), da App Sergas Móbil ou do teléfono 981215930.

En canto á campaña da vacinación antigripal, a Consellería de Sanidade lembra que as persoas que pertenzan á poboación diana da gripe, e teñan menos de 80 anos, poderán solicitar a súa cita de vacinación a través da web e as aplicación do Sergas; no seu centro de saúde, ou mediante unha chamada telefónica.

A partir deste luns 25, vacinaranse ás persoas de 65 ou máis anos, así como ás persoas institucionalizadas de maneira prolongada (residencias de maiores e discapacitados e traballadores destas institucións).

O 15 de novembro vacinaranse ás persoas de 60 a 64 anos, persoas menores de 60 con patoloxías de risco; embarazadas e puerperio; prematuros de 6 meses a 2 anos; persoal de servizos esenciais; persoal de exposición laboral; e, ademais, o persoal das oficinas de farmacia.

Dende o 29 de novembro as persoas a vacinar serán o resto da poboación diana e conviventes de persoas de risco.