O Sergas apenas fixo 275 PCR nas últimas 24 horas na área sanitaria

Pontevedra
24 de marzo 2021

A Consellería de Sanidade informa este mércores que a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés ten 209 casos activos de covid-19, 6 menos que onte martes. Nas últimas 24 horas o Servizo Galego de Saúde apenas fixo 275 probas PCR nesta área sanitaria

Axentes da policía local falan cunha persoa sentada nunha terraza
Axentes da policía local falan cunha persoa sentada nunha terraza / Mónica Patxot

A Consellería de Sanidade informa este mércores que a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés ten 209 casos activos de covid-19, 6 menos que onte martes. Nas últimas 24 horas o Servizo Galego de Saúde apenas fixo 275 probas PCR nesta área sanitaria.

En canto á presión hospitalaria, mantéñense 13 pacientes covid ingresados en planta de hospitalización -12 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra 1 no Hospital do Salnés. Así como 4 pacientes críticos na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do Hospital Montecelo.

Así mesmo, permanecen 192 casos de coronavirus evolucionando nos seus domicilio.

Desde o inicio do plan de continxencia pola pandemia curáronse 12.300 pacientes (16 máis que no día de onte) e faleceron por este virus na área sanitaria 161 pacientes.

En canto a realización de probas PCR, nas últimas 24 horas fixéronse 275, que se engaden ás 179.190 xa efectuadas desde o inicio da pandemia na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés.

A incidencia acumulada é un dos termos epidemiolóxicos clave para observar a evolución diaria da epidemia en cada territorio. Este 24 de marzo a incidencia acumulada a 7 días na cidade de Pontevedra segue incrementándose e xa é de 28,57 casos confirmados por cada cen mil habitantes, mentres que a referencia a 14 días segue con tendencia á baixa con 47,61 casos.

GALICIA

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.447, deles 934 son da área da Coruña, 182 da de Lugo, 160 da de Ourense, 209 da de Pontevedra, 501 da área de Vigo, 272 da de Santiago e 189 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 39 están en UCI, 198 en unidades de hospitalización e 2.210 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 111.313 persoas curadas, rexistrándose 2.325 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.811.822.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 405.527.