O Seprona investiga o incendio de Cotobade, no que hai "un 99,90%" de posibilidades de que fora provocado

Cerdedo-Cotobade
09 de agosto 2016

Á fronte desta investigación está o tenente Álvaro Lusquiños. Este martes dirixiu o equipo que comezou a realizar un estudo dos vestixios físicos que deixou o lume ao seu paso na parroquia de Vilanova de Tenorio, o punto máis afectado, pero non necesariamente o lugar no que comezou a arder. Céntranse tamén en entrevistarse coas posibles testemuñas e lembran que "a colaboración cidadá é importante"

O Seprona investiga o incendio de Tenorio, en Cotobade
O Seprona investiga o incendio de Tenorio, en Cotobade / Cristina Saiz

O Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil xa comezou a investigación para aclarar as causas do incendio forestal declarado na tarde deste luns en Tenorio e que, 24 horas despois, arrasara máis de 365 hectáreas de terreo no Concello de Cotobade. Faino con todas as hipóteses abertas, pero coa convicción de que "casi con un 99,90% -de probabailidades- ha sido provocado".

Á fronte desta investigación está o tenente Álvaro Lusquiños, xefe de sección do Seprona de Pontevedra. Este martes dirixiu o equipo que comezou a realizar un estudo dos vestixios físicos que deixou o lume ao seu paso na parroquia de Vilanova de Tenorio, o punto de Cotobade máis afectado polo incendio, pero non necesariamente o lugar no que comezou a arder. De feito, unha das hipóteses coas que traballa a Garda Civil é que se iniciou nunha localización diferente. 

O tenente Lusquiños indicou que "seguramente haya sido provocado" e que os investigadores xa teñen información sobre a hora e a zona de inicio, pero son datos que non se divulgarán ata que conclúan todas as pescudas. Nestes momentos, céntranse en recoller os primeiros vestixios e tamén en entrevistarse coas posibles testemuñas, entre eles as persoas que alertaron do lume e os veciños da zona, e lembran que "la colaboración ciudadana es importante"

De feito, na madrugada do luns ao martes, mentres o incendio ardía en toda a súa intensidade, estiveron ata as catro ou cinco da madrugada entrevistándose con bastantes persoas da zona. Agora esa información solicitada complementarase coas probas recollidas, aínda que recoñecen que "es muy difícil" ter probas físicas nun incendio porque adoitan arder. Ante tal situación confían "en que nos ayude la gente". 

O Seprona é un servizo con gran experiencia en investigación de incendios e utilizaraa para aclarar o ocorrido en Cotobade, pero trátase de pescudas que poden prolongarse días ou mesmo semanas. Unha das complicacións que adoitan atoparse é poder determinar cantos focos teñen os incendios. Neste caso, por exemplo, barállase que houbese varios, un mínimo de tres, pero na zona na que ardeu atópanse cun "hándicap importante", que é unha zona infestada de eucaliptos e "la hoja de eucalipto es muy plana y con el viento vuela bastantes metros y suelen estar incandescentes". Así, pode iniciar "otros focos secundarios que nos pueden despistar a la hora de determinar los puntos de inicio".