Cun maior número de establecementos turísticos abertos, o Consorcio de Empresas Turísticas de Sanxenxo (CETS) fai un balance "excelente" deste arranque de tempada cunha Semana Santa na que se superaron as previsións de ocupación "grazas ás reservas de última hora e ao excelente tempo meteorolóxico".
O resultado é unha ocupación media do 78% no conxunto dos establecementos turísticos asociados ao CETS, que alcanza o 86% no caso dos hoteis de catro estrelas e superior ao 80% no caso dos de tres estrelas, unha cifra de ocupación que tamén alcanzaron os apartamentos turísticos
O presidente do CETS, Alfonso Martínez sinalou que durante esta semana Santa "púidose traballar moi ben e as sensacións de arranque de tempada foron boas".
Segundo valorou "o visitante volveu a responder e a apostar por Sanxenxo" o que, segundo dixo, confirma a "consolidación dun destino que é unha aposta segura, froito do traballo dos profesionais deste municipio" que "soubemos construír a imaxe de destino asociado á excelencia" unha "referencia no norte de España".
Alfonso Martínez destacou tamén que nesta semana Santa foron máis os establecementos turísticos que abriron e maior número, por tanto, de prazas postas a disposición, polo que nestes días festivos puidose "alcanzar practicamente o 80% de ocupación media nun destino co volume de prazas como o que ten Sanxenxo, que supera as 9.000 prazas hostaleiras, é un éxito".
O presidente do CETS tamén puxo en valor os bos resultados cultivados polos asociados do sector da restauración, que "puntuaron nun 4,3 sobre 5 o volume de gasto do viaxeiro na súa estancia en Sanxenxo" e remarcou que "se notou que había ganas de viaxar, de saír e, por suposto, de gozar dun destino como Sanxenxo", aínda que son conscientes de que "a inflación produciu unha retracción no consumo".
En calquera caso, Alfonso Martínez subliña que os bos resultados desta Semana Santa permiten ao sector turístico de Sanxenxo mirar con optimismo a tempada alta, "sen perder de vista os retos que supón a procura de profesionais, especialmente no sector da restauración".