O sector turístico de Sanxenxo bateu récords no mes de xullo

Sanxenxo
31 de xullo 2016

Sanxenxo consolídase como o destino lider no turismo vacacional de Galicia cunha ocupación do 80,04% das mais de 14.000 prazas de aloxamento existentes en Sanxenxo e un crecemento do 9,92% con respecto ao ano 2015 que xa fora un ano moi bo. Estes datos son récord de ocupación no mes de xullo na ultíma década, destacar que dita ocupación significa máis de 336.800 pernoitas no municipio no mes de xullo

Praia de Silgar
Praia de Silgar / Diego Torrado

O Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS) facilitou os datos de ocupación e consumo correspondentes ao pasado mes de xullo 2016, obtidos mediante as enquisas efectuadas ás 92 empresas asociadas.

Á luz destes datos, Sanxenxo consolídase como o destino lider no turismo vacacional de Galicia cunha ocupación do 80,04% das mais de 14.000 prazas de aloxamento existentes en Sanxenxo e un crecemento do 9,92% con respecto ao ano 2015 que xa fora un ano moi bo. Estes datos son récord de ocupación no mes de xullo na ultíma década, destacar que dita ocupación significa máis de 336.800 pernoitas no municipio no mes de xullo.

Datos de ocupación turística en Sanxenxo
 Tipo de establecemento               Xullo 2014    Xullo 2015     Xullo 2016    
 Hoteis 4 estrelas 84,62% 88,81% 89,92%
 Hoteis 3 estrelas 61,19% 68,31% 82,59%
 Hoteis 2 estrelas 64,33% 68,35% 81,96%
 Hoteis unha estrela, pensións 49,28% 61,91% 69,54%
 Apartamentos 74,49% 83,22% 88,27%
 Campings 59,99% 66,34% 67,93%

 

En canto aos datos de consumo mantense un crecemento considerable no mesmo. Nunha enquisa realizada aos asociados (participaron 20 establecementos) dos sectores de restauración, lecer e oferta complementaria onde lles pedían que valorasen o índice de consumo dos clientes nunha escala de 1 a 5, a media resultante é dun 4,04 con respecto ao 3,73 do ano pasado.

O presidente do CETS,  Francisco González, destacou que a industria turística de Sanxenxo debe seguir aproveitando a consolidación da recuperación da demanda interna e o tirón das chegadas de visitantes internacionais, "o bo tempo que vivimos desde a segunda quincena de xuño foron estupendos aliados".

Francisco González destaca que estamos a vivir a nivel nacional "un ano marcado por unha aceleración na entrada de turistas internacionais e o seu gasto correspondente", e tamén que se produce unha "subida significativa da demanda internacional" que recolle o impacto conxunto de determinados factores conxunturais e estruturais. Entre os primeiros cabe destacar o "transvasamento de turistas internacionais pola persistente inestabilidade política do norte de África". Entre os segundos, os derivados dos efectos da política de promoción e á diversificación de mercados emisores. 

Agora desde o CETS espera que os bos resultados non sexan conxunturais, senón "consolidar este crecemento e traducilo en xeración de riqueza e de emprego de calidade para o noso municipio". Por este motivo, os empresarios do sector turístico lembran que Sanxenxo ofrece unha ampla oferta que pode seguir atraendo turismo nacional e incrementar o internacional, "debemos lograr sumar atractivo e complementariedade ao sol e praia e que a tempada baixa sexa cada vez máis curta".