A Plataforma polo Saneamento da Ría falou claro. "Estamos en contra de Ence e da súa continuidade máis alá do 2018", dixo o seu portavoz, Andrés Ruano. Os sectores produtivos da ría pontevedresa entenden que a factoría "fixo moito dano á ría", especialmente a Lourizán. Pero máis aló diso, insisten, o que "máis nos está afectando" é o deficiente saneamento e a presenza de fecais na auga.
Por iso, iniciaron unha rolda de mobilizacións ante as institucións públicas e solicitaron entrevistas cos seus responsables. O primeiro en recibir aos representantes desta plataforma foi o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Ante el reiteraron que a ría ten dous problemas: Ence e o saneamento, polo que esixen que "todos os que teñan responsabilidade, pouca ou moita, fagan os seus deberes".
O problema de e.coli -unha bacteria presente nas augas fecais- "nós nos podemos demostrar de onde saen, se de Ence ou do saneamento, pode que de todos os lados", polo que pediu ás administracións que se a pasteira ten que quedar "hai que exprimilos ao máximo" e que se convertan nunha fábrica "modélica", pero tamén que se complete todo o saneamento dos municipios da ría.
"Non pararemos de mobilizarnos e de facer ruído ata que se solucione", advertiu o portavoz deste colectivo, que agrupa ás confrarías de Lourizán, San Telmo e Raxó e o sector do mexillón dos polígonos de Poio e Sanxenxo.
Así, Andrés Ruano asegurou que ao sector parécelle "curioso" que meses antes das eleccións, a Xunta de Galicia empece a anunciar investimentos millonarios no saneamento da ría, tras décadas de abandono. Temen que a posta en marcha o plan de saneamento local, que inclúe un estudo sobre as necesidades da ría, se demore no tempo porque "se agardamos dez anos máis, na ría non haberá marisqueo, nin acuicultura nin nada".
A esa visión que el mesmo cualificou como "catastrofista" engadiu que, aínda que a cidadanía non o aprecie, a ría de Pontevedra está "completamente contaminada", polo que pediu ás administracións que se "mentalicen" da gravidade do problema e, concretamente á Xunta, como responsable do saneamento da ría "que se poñan as pilas" para solucionar o deficiente sistema de depuración.
Por iso, esta plataforma quere impulsar unha mesa de traballo no que estea presente todo o sector e as administracións, tanto local como autonómica, con competencias nesta materia. A ela queren que asistan os alcaldes da ría, as conselleiras de Medo Ambiente e Mar e o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "que é o que está falando de cartos e da ampliación dá EDAR", segundo a patroa maior de Lourizán, Mari Carmen Vázquez.
LORES COMPARTE "CASE TODO"
Ante esta formulación, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, indicou que comparte co sector "case todo", salvo o diagnóstico que fan da ría e as solucións para adaptar. O rexedor insiste en que o saneamento da ría "pasa polo traslado de Ence", xunto coa adecuada separación das augas pluviais e fecais para poder manter os postos de traballo que se xeran nela.
Fernández Lores recoñeceu que "unha das espiñas que teño cravada" na súa xestión á fronte do concello é "non conseguir unha ría saneada", aínda que defendeu o "esforzo" realizado polo goberno municipal para avanzar no saneamento dos núcleos habitados. "Seguiremos traballando nesa liña", explicou, entre elas co investimento para construír un novo colector no río Gafos.
En todo caso, o alcalde mostrou a súa disposición para "facer todo o que faga falta" para solucionar este problema e avanzou que "imos estar aí" onde se debata o futuro do saneamento da ría de Pontevedra.