O sector cefalopodeiro móstrase esperanzado ante a ofensiva diplomática española

Marín
27 de setembro 2013

O secretario xeral de CIG-Mar, Xabier Aboi, recoñeceu que tras o encontro celebrado este xoves en Madrid os mariñeiros afectados manteñen certa esperanza e aplaudiu que "polo menos se recoñece a razón que tiñamos os mariñeiros, armadores, a CIG, o Bloque, cando insistiamos en manter a presión porque este era un tema político", dixo

O secretario xeral de CIG-Mar, Xabier Aboi, recoñeceu que tras o encontro celebrado onte en Madrid os mariñeiros afectados manteñen certa esperanza e aplaudiu que "polo menos se recoñece a razón que tiñamos os mariñeiros, armadores, a CIG, o Bloque, cando insistiamos en manter a presión porque este era un tema político", dixo.

España pedirá o voto en Bruxelas contra o acordo de Mauritania, segundo transmitiron este xoves en Madrid o secretario xeral de Pesca, Carlos Domínguez e a Consellería de Mar, Rosa Quintana, aos responsables de Galicia, Andalucía e Canarias, e aos representantes dos segmentos de frota con intereses en Mauritania.

O próximo día 8, o pleno do Parlamento Europeo votará o protocolo asinado hai un ano pola comisaria María Damanaki con Mauritania.

Dende a próxima semana as autoridades españolas iniciarán unha ofensiva diplomática e desprazaranse a Bruxelas para buscar que se estenda ao maior número de eurodeputados posible ese voto negativo que xa deron os que forman parte da Comisión de Pesca da Eurocámara.

"Cremos que é un pouco tarde, pero polo menos imos seguir pelexando en Bruxelas e o día 4 nunha manifestación polas rúas de Marín", indicou Xabier Aboi nunha rolda de prensa convocada este venres en Marín xunto á eurodeputada do BNG, Ana Miranda.

Malia este optimismo o sindicalista recoñeceu que "vai ser moi complicado" gañar a votación no Parlamento Europeo. Entre outras razóns, o responsable de CIG-Mar sostén que Europa "manobrou para favorecer os barcos peláxicos". En todo caso, Aboi fixo un símil futbolístico para destacar que "o partido aínda non rematou e o balón aínda está en xogo", polo que animou a "seguir pelexando os votos".

Pola súa banda a eurodeputada nacionalista explicou que custou moi esforzo facelos ver os seus compañeiros españois no Parlamento Europeo a importancia deste caladoiro Mauritano para a frota do Morrazo "porque a frota galega desgraciadamente para o Estado e para o Ministro actual, a pesar de ser a máis numerosa, non ten a mesma consideración que outras como a andaluza", e citou como exemplo o que está a acontecer con outros caladoiros como o de Marrocos.

Miranda asegura que o Goberno español non ve á frota galega como un sector estratéxico que necesite ser defendido con tesón, entre outras razóns "pola grande autonomía demostrada polos galegos para moverse polo mundo e ser semente bastante autosuficiente" aínda que a representante do BNG insistiu en que "isto non quita que a frota galega teña que ser defendida con ecuanimidade".

Arquivado en