Informa o grupo municipal do Partido Popular que o secretario do pleno da corporación "acaba de confirmar a ilegalidade das dúas últimas prórrogas concedidas polo equipo de goberno de Miguel Anxo Fernández Lores á empresa Elsamex sobre o contrato de mantemento e conservación de xardíns do que esta multinacional de capital hindú se beneficia desde o ano 2006".
En concreto, a instancias do Partido Popular, o funcionario matiza que non cabe senón manter o criterio xa exposto nos informes que previamente ás resolucións municipais emitiron a Secretaría do Concello, Intervención e a Xefatura do Servizo de Contratación, "polo que enténdese, salvo opinión mellor fundada, que as prórrogas non se axustan á normativa".
"En consecuencia, de pretenderse a súa continuidade, o servizo haberá necesariamente de ser contratado a través dalgúns dos procedementos previstos pola lexislación e aplicables segundo a súa contía", engade.
O caso foi denunciado publicamente polo voceiro do PP, Jacobo Moreira, a principios do pasado mes de marzo. O concelleiro explicara daquela que Elsamex fora contratada o 1 de febreiro de 2006 por un período de catro anos, prorrogable ata un máximo de seis, cun orzamento de 437.051,36 euros anuais.
Esgotadas as prórrogas legais, en 2012, aducindo que o proceso de licitación "aínda levaría un tempo", o concelleiro Raimundo González propuxo a renovación. Aquela iniciativa fora rexeitada pola Secretaría do Concello que argumentaba que "no noso ordenamento non caben prórrogas tácitas", e tamén Intervención "incumpre o vencemento do prazo legal máximo", pero o alcalde decidiu non atender estas obxeccións e a xunta de goberno adoptou o acordo.
Según do Partido Popular, chegada a data final, o 1 de febreiro do 2013, "González volveu esgrimir os mesmos argumentos e repetiu a operación, de novo, coa oposición dos técnicos municipais, e neste caso, por un prazo de 13 meses".
"Dita multinacional facturou nos dous últimos anos ao Concello de Pontevedra as cantidades de 1.750.000 euros, en 2011, e 1.370.000 euros, en 2012"
Ante a falta dunha "explicación coherente" por parte do alcalde sobre este asunto, Moreira reclamou outro pronunciamento, neste caso, do secretario do pleno, xa coa nova prórroga asinada. O funcionario acaba de ratificar a opinión emitida anteriormente polos demais órganos, e incluso incide noutro elemento de controversia ao advertir que, en realidade, os contratos de servizos non poden ter un prazo de vixencia, incluídas as prórrogas, de máis de catro anos, e neste caso vanse superar os oito.
"Co asinado polo secretario da corporación son xa catro os informes que subliñan a ilegalidade avalada por Lores, coa circunstancia engadida de que a resolución que se acaba de coñecer foi a única emitida despois de que o alcalde certificara a súa decisión", di o PP.
O voceiro do Partido Popular espera que, á vista deste novo informe do secretario, "o alcalde da cidade ofreza publicamente unha explicación crible sobre este apoio a Elsamex, unha multinacional dedicada a servizos integrais en infraestrutura e edificación que desde o 2008 é propiedade do grupo empresarial indio de clara vocación financeira IL & FS (Infraestructure Leasing & Financial Services)".
"A única xustificación ofrecida ata hoxe, disparatada, veu da concelleira Anxos Riveiro, que aduciu un suposto e hipotético aforro para o Concello, cando é do dominio público que calquera concurso público resultaría hoxe moito menos oneroso para as arcas municipais que en 2006, é dicir, antes da actual crise económica", insisten os populares.
E conclúe o PP que "de feito, as explicacións que require o Partido Popular resultan máis necesarias se temos en conta que a devandita multinacional facturou nos dous últimos anos ao Concello de Pontevedra as cantidades de 1.750.000 euros, en 2011, e 1.370.000 euros, en 2012".