O secretario de estado Fernando Valdés celebrará en Pontevedra o Día Internacional do Turismo

Pontevedra
18 de maio 2022

A Deputación ultima a programación para o 27 de setembro cunha xornada para abordar os retos da sostibilidade e a dixitalización e o arranque da nova aceleradora

Carmela Silva e Fernando Valdés
Carmela Silva e Fernando Valdés / Deputación de Pontevedra

O secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, celebrará na provincia de Pontevedra o próximo 27 de setembro o Día Internacional do Turismo e participará nos actos que a Deputación xa está a ultimar.

A administración provincial organizará unha xornada na que abordará, da man de recoñecidas persoas expertas, os retos da sostibilidade e a dixitalización, e tamén coincidirá co arranque da nova edición da aceleradora provincial de turismo. 

Así o confirmou o propio Valdés á presidenta da Deputación, Carmela Silva, no encontro mantido este mércores en Madrid, unha reunión "moi frutífera" na que a presidenta presentou ao secretario de Estado a estratexia provincial para este período 2022-2024, e con quen concordou na "oportunidade histórica" que, tamén para o turismo, están a supoñer as convocatorias dos Next Generation.

No encontro na sede da Secretaría de Estado, Carmela Silva e Fernando Valdés repasaron todos os proxectos nos que traballa a Deputación, financiados polo Goberno de España a través dos fondos europeos e fondos propios, así como as novas accións que se van a implantar no modelo turístico de Rías Baixas que, co traballo destes anos, tense convertido no principal destino de Galicia e un dos primeiros de todo o Estado.