O saneamento do rural completarase con cargo ao novo contrato da auga

Pontevedra
09 de xaneiro 2017

Ata 30 millóns de euros nos primeiros anos de contrato. É a contía dos investimentos que o Concello de Pontevedra pretende que faga a empresa que logre a adxudicación do novo contrato da auga. Así o avanzou este luns o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, que desvelou detalles sobre a futura licitación

Limpeza dos bombeos residuais
Limpeza dos bombeos residuais / Concello de Pontevedra

Ata 30 millóns de euros nos primeiros anos de contrato. É a contía dos investimentos que o Concello de Pontevedra pretende que faga a empresa que logre a adxudicación do novo contrato da auga. Así o avanzou este luns o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, que desvelou detalles sobre a futura licitación.

Os técnicos municipais están a ultimar tanto o proxecto explicativo do servizo como os pregos técnicos e administrativos. A intención é aprobalos en Xunta de Goberno antes de que venza o actual contrato, o próximo mes de febreiro.

Ante o atraso na tramitación, o Concello deberá prorrogar o contrato de Viaqua aínda que o fará só durante os meses que dure o proceso de licitación, xa que esta prórroga vincularase coa nova contratación.

Raimundo González explicou que inicialmente o goberno municipal expón a mesma duración para o novo contrato, unha adxudicación de 20 anos.

A empresa recibiría, a expensas das ofertas recibidas, unha cantidade similar á que cobra en actualidade: preto de 6 millóns de euros anuais, xa que se incorporan ao contrato novas prestacións como a rede de abastecemento construída por Acuaes ou a nova estación de bombeo de Monte Porreiro.

Os 30 millóns de euros que, como mellora, incluíu o Concello no contrato estarían destinados prioritariamente a completar todo o saneamento do rural que está pendente de execución. Neste sentido, o edil do BNG detallou que sería fundamentalmente na zona norte do municipio e na parroquia de Verducido.

Ademais do saneamento do rural, o Concello introduciu como melloras neste contrato completar a rede separativa de pluviais e fecais no ámbito urbano, do que quedan aproximadamente uns tres quilómetros sen executar. É, en todo caso, un tramo cuxa execución ten unha "especial dificultade", segundo Raimundo González.

Con ambas as actuacións, o saneamento do municipio estaría completado.

Un terceiro investimento terá que facer a empresa adxudicataria. Trátase de dotar a todo o rural periurbano, as parroquias máis próximas á cidade, do servizo de abastecemento de auga. Neste primeiro "cinturón" entrarían Tomeza, Marcón, Lérez, Campañó ou Mourente.

Todas estas melloras, segundo o goberno municipal, non incrementará o recibo que pagan os pontevedreses por este servizo. Mesmo moitos deles poderían chegar a ver reducidas as súas facturas, xa que a intención do Concello é empezar a cobrar polo consumo real -eliminando o mínimo establecido, de forma que quen menos auga consuma, menos pagará no seu recibo.

Arquivado en