O saneamento da ría, Montecelo ou a estación intermodal, prioridades da Xunta para Pontevedra en 2020

Pontevedra
20 de outubro 2019

Un ano máis, o proxecto de saneamento da ría é a actuación que máis diñeiro recibe das contas autonómicas. A ampliación de Montecelo, a reforma da residencia de Campolongo ou a estación intermodal tamén figuran, xunto coa variante de Alba, nos plans da Xunta para 2020

Presentación dos orzamentos da Xunta para 2020
Presentación dos orzamentos da Xunta para 2020 /

Un ano máis, o proxecto de saneamento da ría é a actuación que máis diñeiro recibe das contas autonómicas. A Xunta prevé investir case 13 millóns de euros na mellora da depuradora dos Praceres, segundo recollen os orzamentos que este sábado o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, presentou no Parlamento.

Para avanzar nesta actuación, Augas de Galicia tamén reserva outros 4 millóns para as obras de construción do novo emisario submarino.

Os dous investimentos anunciados este venres pola Consellería de Política Social, a reforma integral da residencia de maiores de Campolongo (3,7 millóns) e a rehabilitación do centro de menores Avelino Montero (1,3 millóns) son, por outra banda, as principais novidades que, con respecto a Pontevedra, introducen os orzamentos de 2020.

A ampliación do hospital Montecelo que, segundo as previsións da Xunta, comezará a executarse o próximo ano, conta cunha partida de 3 millóns de euros, aínda que o groso do investimento realizarase nos seguintes exercicios.

Outro dos grandes proxectos, a estación intermodal de Pontevedra, aparece nestes orzamentos cun investimento previsto de case 5,5 millóns de euros. Desta cantidade, a Xunta sufragará 2,8 millóns con fondos propios, mentres que 1,6 millóns irán con cargo aos fondos europeos FEDER e case 1 millón poñerao o Concello de Pontevedra.

O goberno galego, ademais, segue apostando pola construción da variante de Alba, o vial que unirá a PO-531 coa N-550. Para 2020, a Xunta prevé investir 500.000 euros, mentres que os outros 8,5 millóns repartiranse entre os dous anos seguintes, 2021 e 2022, data prevista esta última para a inauguración do vial.

Estes compromisos investidores, á marxe de proxectos incluídos en partidas xenéricas como o Plan de Sendas de Galicia, o arranxo de camiños, axudas para o medio rural ou diferentes actuacións ambientais, non son os únicos que recollen as contas que o executivo de Alberto Núñez Feijóo preparou para 2020.

Así, a rehabilitación do edificio de Benito Corbal aínda recibirá 930.000 euros para completar as obras, acondicionar os espazos e dotalos de mobiliario; e Portos de Galicia prevé gastar apenas 50.000 euros na dragaxe do río Lérez.

Ademais, Educación inclúe na súa carteira a terceira fase da ampliación do Carlos Oroza, que conta cunha previsión orzamentaria de 400.000 euros nos dous próximos anos.

PRINCIPAIS PROXECTOS NA COMARCA

Educación, pola súa banda, protagoniza o principal compromiso investidor na área de influencia de Pontevedra cos 4 millóns que destinará á construción do novo colexio de Vilalonga, aínda que tres deles sairán dos fondos europeos FEDER. Ademais, a ampliación do instituto Aquis Celenis de Caldas conta con 1,4 millóns para 2020 e 2021.

Case 1,5 millóns investirá a Xunta en completar a reforma e acondicionamento das estradas PO-230, PO-234 e PO-235 en Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas e A Lama; mentres que as obras do colector xeral de Marín completaranse con outros 455.000 euros e a mellora do saneamento de Tenorio recibirá outro millón.

A residencia de Cerdedo con case 925.000 euros ou os 324.000 euros que recibirá Moraña para o equipamento do campo de fútbol de Mirallos tamén figuran nas contas autonómicas para 2020 que, ademais, reserva 3,5 millóns para obras nos portos de Vilaxoán, Portonovo, A Illa, Carril,, Cambados, O Grove ou Sanxenxo.

Arquivado en