As Festas de San Xoán de Poio recuperarán este ano a normalidade previa á pandemia da covid-19. Despois de dúas edicións marcadas polas restricións da emerxencia sanitaria, poderán volver organizarse as principais citas dos festexos.
O concelleiro responsable de Festexos, Xosé Luís Martínez, asegurou nos últimos días que o Concello está "en disposición de recuperar a programación habitual" das festas e avanzou que entre os días 22 e 26 de xuño Poio volverá acoller os principais acontecementos principais da programación.
Entre outros eventos, na medianoite do 23 ao 24 de xuño (día do patrón) volverá haber fogueira, o día 25 haberá unha tirada de fogos de artificio e tamén volverán as verbenas con grandes orquestras e a lectura do pregón.
Xosé Luis Martínez adiantou que a programación está practicamente pechada e que todos os detalles se darán a coñecer nas semanas previas a estas datas.
Ademais, avanzou que haberá nova edición do Concurso de Carteis de San Xoán, unha iniciativa que cada ano conta cunha gran participación entre a rapazada do municipio.
Trátase dun certame dirixido a menores de 17 anos que estean empadroados en Poio ou escolarizados nalgún dos centros educativos do municipio e o Concello vai repartir máis de 400 euros en premios, que consistirán en vales para canxear nas librarías de Poio.
Tal e como é habitual, habilitaranse catro categorías distintas, repartidas en función da idade (de 5 a 8 anos, de 9 a 11, de 12 a 13 e de 14 a 17). Os vencedores de cada grupo recibirán un cheque de 80, 100, 120 e 140 euros, respectivamente.
A data límite para a presentación das obras será o vindeiro 19 de maio. As obras poderanse presentar tanto na Casa Consistorial como nos centros de ensino de Poio. As bases estarán a disposición da cidadanía na páxina web do Concello (www.concellopoio.gal).