O San Patricio do Mareantes Rugby Club abre a súa XII edición como un "punto de encontro" para os pontevedreses

Pontevedra
13 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Desde este mércores 13 de marzo e ata o domingo 17 unha carpa instalada na Praza de España acollerá o festival organizado polo Mareantes Rugby Club para colaborar "no sostemento da entidade". Deporte, comida e música danse da man nun evento que prevé vender ata 3.000 litros de cervexa e ao redor de 2.500 bocadillos

Presentación do XII Festival San Patricio do Mareantes RCP
Presentación do XII Festival San Patricio do Mareantes RCP / Mónica Patxot

Un ano máis, e van 12, a Praza de España contáxiase de rugby e tradición irlandesa co festival de San Patricio organizado polo Mareantes Rugby Club.

A cita, que une deporte, gastronomía e música, abre a súa carpa desde este mesmo mércores 13 de marzo e ata o domingo 17 como un "punto de encontro" para os pontevedreses, defendeu na presentación do evento a edil de Deportes, Anabel Gulías, acompañada do presidente da entidade deportiva, Roberto Juncal.

"É unha actividade que forma parte da idiosincrasia de Pontevedra", onde "o rugby ten moita forza", asegurou Gulías.

O festival San Patricio mantén a súa esencia cun evento que "nace para o sostemento da entidade", afirmou pola súa banda Juncal sinalando que "un deporte minoritario como o noso necesita vías de financiamento", tendo en conta que por exemplo na tempada actual contan con 140 fichas de deportistas dos que "preto de 120 son menores de idade".

No que respecta a a celebración, a carpa da Praza de España abrirá todos os días ata o vindeiro domingo en horario de 13.00 a 0.00 horas coa previsión de vender ata 3.000 litros de cervexa e ao redor de 2.500 bocadillos.

Ademais o San Patricio contará con actuacións en directo como a de Colectivo Tabú (mércores, 21.00 horas), Tabernarios (xoves, 20.00 horas), B&N (xoves, 22.00 horas), Mad Martin (venres, 20.00 horas), D'Crooners (venres, 22.00 horas), Movilla y los irrepetibles (sábado, 20.00 horas) e Gin Tonis (sábado, 22.00 horas).

Por último, a parte deportiva do festival poñeraa o equipo M16 do Mareantes cun partido amigable (sábado, 14.00 horas) fronte ao Ñandú RC Tenerife, que se disputará no campo de Monte Porreiro.