O San Migueleiro contará cunha caravana morada para combatir as agresións sexuais

Marín
12 de setembro 2019

Estará colocada ao lado do Palco da Música da Alameda e ofrecerá diversos servizos, como o acompañamento, axuda para aquelas mulleres que se atopen soas ou perdidas e asistencia psicolóxica

Reunión para a posta en marcha da Caravana Morada
Reunión para a posta en marcha da Caravana Morada / Concello de Marín

A Concellaría de Medio Ambiente e Benestar Social e o Centro de Información á Muller (CIM) queren garantir que unha das festas de máis afluencia do municipio, o San Migueleiro, que se celebrará o próximo 28 de setembro, sexa segura e estea libre de actos de acoso e violencia machista.

Para iso, instalarán ao lado do Palco da Música, situado na Alameda, unha caravana morada, que servirá como punto de atención, axuda e asistencia ás mulleres que así o poidan necesitar.

O servizo será ofrecido pola consultora Aristogal, con cuxas integrantes estiveron reunidas este xoves pola mañá coas concelleiras Marián Sanmartín e Mónica Viqueira e as traballadoras do CIM de Marín.

Segundo explicaron desde a consultora, os servizos que ofrece a caravana son variados.

Por unha banda, prestan acompañamento a calquera muller que así o precise, para que non teña que facer soa ningún percorrido no que se poida sentir insegura; ademais de proporcionar todas as axudas necesarias a aquelas rapazas que se atopen nalgún momento soas, perdidas ou sen medios para comunicarse co seu grupo de amizades ou coñecidos.

Por outro lado, os voluntarios da caravana ofrecen aos nenos unhas pulseiras personalizadas, nas que escribir os seus nomes e o teléfono de contacto dos seus pais por se se perderán no transcurso da festa.

A maiores, no interior da caravana ofrecerase asesoramento psicolóxico e será o punto de denuncia para todos os asistentes á festa que poidan chegar a presenciar condutas inadecuadas ou irrespectuosas.

En todas estas cuestións, a organización encargada da caravana traballará en equipo coa Policía Local e Nacional.

FORMACIÓN DO VOLUNTARIADO

Para poder ser voluntario na caravana que se instalará no San Migueleiro é obrigatorio pasar por unha formación previa en cuestións de atención a vítimas dalgún tipo de violencia machista. É un paso irrenunciable tanto para o Concello como para a consultora, dado que é imprescindible que as persoas que estean presentes na festa saiban afrontar situacións de todo tipo de maneira profesional e efectiva, coñecendo os protocolos actuais de prevención de agresións machistas.

Esta formación será impartida por persoal da consultora o xoves 26 de setembro nas instalacións do CIM, situadas na Finca de Briz. Serán catro horas, de 17.00 a 21.00, e será obrigatorio apuntarse previamente (con prazo ata a mesma mañá do día 26).

Poden optar a este voluntariado tanto homes como mulleres de Marín e doutros concellos. O único requisito é que deben ser persoas maiores de 16 anos. Para anotarse, poden facelo escribindo un email a [email protected] ou escribíndolle unha mensaxe privada a calquera das redes sociais da Caravana Morada.