O San Migheleiro de Marín prepárase nun encontro con vinte hostaleiros

Marín
06 de setembro 2024

Este venres 6 desenvolveuse unha xuntanza no Concello de Marín para establecer as bases de cara á celebración desta festa que terá lugar o sábado 28 de setembro

Xuntanza de organización do San Migheleiro
Xuntanza de organización do San Migheleiro / Concello de Marín

O Concello de Marín e o sector hostaleiro local reuníronse na mañá deste venres 6 no salón de plenos para coordinar os preparativos do San Migheleiro, unha das festas máis emblemáticas da vila, que se celebrará o sábado 28 de setembro.

A xuntanza, presidida polos concelleiros Manuel Santos e Marián Sanmartín, contou coa presenza dun integrante da Policía Local e vinte hostaleiros que abordaron os aspectos máis relevantes da organización do evento.

O encontro permitiu establecer as bases para unha colaboración eficaz entre a administración local e os establecementos hostaleiros.

Acordouse que a tradicional ruta polos locais da vila será organizada, como é habitual, polo propio sector hostaleiro.

O Concello anunciou que analizará os permisos presentados por cada local nas próximas semanas.

Estableceuse como data límite para a presentación das solicitudes o 13 de setembro, dando así tempo suficiente para a súa revisión e aprobación.

A administración local comprométese a despregar un intenso dispositivo de limpeza para garantir que as rúas e prazas de Marín estean en óptimas condicións, non só para o San Migheleiro, senón tamén para a celebración do Día de San Miguel e a Danza de Espadas o 29 de setembro.

Ademais, o Concello asumirá o custo da animación musical, que incluirá bandas de música e batucadas polas rúas durante toda a xornada, co obxectivo de dinamizar unha festa que adoita contar cunha gran afluencia de público.

Na reunión abordouse tamén a cuestión dos horarios, que se axustarán ao establecido pola normativa autonómica vixente.