A nova edición do Entroido da Lama, para o que xa se inscribiron oito comparsas, prevé converter o centro do municipio nun "auténtico sambódromo" que homenaxee a figura do Conde Cabanelas, emigrante galego natural de Covelo que impulsou a popularización e a saída á rúa do entroido de Río de Janeiro.
O desfile, segundo explicou o alcalde Jorge Canda, celebrarase o sábado 9 de marzo, a partir das cinco da tarde, e que terminará cunha gran chocolatada e un baile amenizado por un conxunto musical.
Está confirmada a presenza das comparsas Amoriños de Bora, 100Tolos, Os Canecos, Os da Caña, As Flores do Carnaval, Os Paparrulos, As Sonecas e Os Solfamidas que darán esplendor, bo humor e colorido a unha cabalgata que tamén terá carrozas, grupos e disfraces de parellas e individuais e unha ampla representación infantil a cargo dos nenos do municipio.
Así mesmo, coa intención de incentivar a participación de grupos da comarca de Ou Verdugo-Oitavén, habilitáronse dúas categorías: local e visitante, dotadas con suculentos premios por igual para favorecer a asistencia e compensar premios para os mellores disfraces. Por local, enténdese Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes e A Lama.
Todas aquelas persoas e grupos que queiran participar na edición deste ano poderán inscribirse de luns a venres, nas oficinas municipais, en horario de 9 a 14 horas, antes do xoves 7 de marzo. En total, o xurado repartirá uns 1.100 euros en premios.
As comparsas terán un mínimo de 15 participantes e poderán estar acompañadas de carroza, valorándose que a música sexa en directo realizada con instrumentos musicais e interpretarán as súas composicións e pasarrúas de entroido. Deberán tamén gardar unha unidade temática tanto no seu vestiario como na súa actuación.
En canto aos grupos que poden participar no concurso e o desfile de entroido na Lama deberán estar formados por un mínimo de cinco integrantes, poderán ir acompañados de carroza e terán tamén que gardar unha unidade temática.
Polo que respecta aos disfraces individuais que entren en concurso, valorarase a súa orixinalidade e dificultade na súa elaboración así como o bo humor desenvolto polo participante durante o desfile.