O Samaín Briz volverá o 31 de outubro con novas localizacións para os espectáculos e o PequeSamaín

Marín
06 de outubro 2024

A concelleira de Festas mantivo encontros cos representantes dos colectivos e entidades que colaboran na festa. A Fundación Juan XXIII, a comparsa Os da Caña e o Club Deportivo La Peña volverán ser os piares deste evento, aos que se lles sumaron as comparsas Cor Café, Val do Lérez e As Sonecas

Samaín Briz 2023
Samaín Briz 2023 / Mónica Patxot

Conta atrás para o Samaín Briz, a festa que cada 31 de outubro transforma a Finca de Briz de Marín nunha auténtica vila de medo e diversión.

A concelleira de Festas, Marián Sanmartín, mantivo encontros cos representantes dos colectivos e entidades que colaboran na festa.

A Fundación Juan XXIII, a comparsa Os da Caña e o Club Deportivo La Peña volverán ser os piares deste evento, aos que xa se lles sumaron o ano pasado as comparsas Cor Café e Val do Lérez. Este ano tamén participará a comparsa As Sonecas.

Logo desas reunións, a concelleira lembra que todos os colectivos que queiran poden sumarse á festa e anima a aqueles que queiran participar a que se poñan en contacto con Concello a través do mail [email protected] ou por teléfono, no 986 88 03 00.

O evento volverá ter este ano rutas do terror, ás que haberá que acceder facendo cola, pero tamén haberá percorridos de acceso libre por toda a finca con distintas estacións do medo. 

Como novidade, os espectáculos pasarán a facerse no entorno da lagoa principal, e o PequeSamaín estará en toda a zona do Auditorio.

A concelleira cifra en 50.000 euros a inversión que o Concello fai na festa, contando cunha subvención da Deputación de Pontevedra de cerca de 25.000 euros. Esta contía destínase a pagar a todas ás entidades colaboradoras, á loxística, ás actuacións e espectáculos e á xestión do PequeSamaín, con monitorado.