Edugal, o Salón de Oferta de Educación e Formación de Galicia, chega á súa novena edición e faio co seu obxectivo cada vez máis consolidado de servir de ponte entre a formación e o mundo laboral. O Recinto Feiral abrirá as súas portas durante os días 12, 13 e 14 de febreiro para que, ao longo de 56 casetas, se ofrezan diferentes alternativas de estudo ao alumnado de ensinos medios.
Este mércores presentábase o evento na sede de Asociación da Mediana e Pequena Empresa (AEMPE), entidade organizadora de Edugal, coa presenza da concelleira de Promoción Económica e Universidade, Yoya Blanco; do presidente de Aempe, José María Corujo; Jorge Soto, vicerreitor da Universidade de Vigo; Luisa Márquez, coordinadora estatal das Escolas da Unesco; e Conchi Pereiro, directora de Edugal.
Entre outras novidades, nesta ocasión asistirá a Escola de Adestradores e o Comité Galego de Árbitros, da Federación Galega de Fútbol; o SEPE, Servizo Público de Emprego estatal; a Fundación Pública Galega da Formación para oTraballo; a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, que ofrecerá un obradoiro de interpretación; o Conservatorio de Música Manuel Quiroga, que realizará o concerto de inauguración e o de clausura; o CIFP Carlos Oroza que nesta ocasión desenvolverá un showcooking titulado 'Resaboreando a mesa do Oroza' na que se ofrecerán solucións gastronómicas para aproveitar a comida; e o IES Frei Martín Sarmiento cunha actividade de Oratoria.
Ademais haberá talleres de demostración de hostalería, de audioloxía protésica, de confección e moda, de panadería e pastelería, así como un de hixiene bucodental e próteses dentais.
A Universidade de Vigo ofrece a participación de 21 centros, cinco máis que o ano pasado. Jorge Soto, vicerreitor do campus, sinalou que o futuro é esperanzador e que se atopan moi atentos ao mapa de titulacións para decidir cales serán as mellores para o campus pontevedrés. Con todo, sinalou que nestes momentos a titulación sobre creación de videoxogos da que se falou durante os últimos anos para Pontevedra non se atopa encima da mesa.
Pola súa banda, Luisa Márquez indicaba que as Escolas Asociadas da Unesco participan para defender obxectivos sustentables, inclusivos e equitativos porque, sinalou, o profesorado, alumnado e nais e pais están a debater sobre a educación para o futuro co obxectivo de buscar emprego de calidade.
José María Corujo indicou, neste sentido, que a sociedade colleu unha velocidade de vertixe e sempre resulta complicado ofrecer estudos que dentro de cinco anos continúen sendo actuais e con posibilidades de tipo laboral.
Yoya Blanco coincidiu en destacar a importancia de dirixirse cara unha educación inclusiva e sostible para, a continuación, destacar a boa relación que o Concello mantén coa Universidade de Vigo e lembrar que desde o goberno local sempre se vai a colaborar con Edugal porque é a base do futuro.