O Salnés vai camiño de converterse en plenamente accesible para as persoas con discapacidade dende o punto de vista turístico. Posibilitarao un convenio de colaboración suscrito este mércores entre a Deputación de Pontevedra e a Axencia de Turismo de Galicia para a mellora da accesbilidade en puntos de interese turístico de toda a provincia que comezará por esta comarca.
Este convenio e un segundo acordo destinado a mellorar a sinalización dos recursos turísticos da provincia suporán unha inversión global da Deputación e a Xunta de Galicia de máis de 400.000 euros, segundo asinaron o presidente da Administración Provincial, Rafael Louzán e a responsable autonómica de Turismo, Nava Catsro.
A través do convenio entre Turismo de Galicia e a Deputación de Pontevedra, perséguese acadar a integración social das persoas con diversidade e promover a cultura da accesibilidade a través fundamentalmente de dúas accións concretas: dar a coñecer o proxecto Pousadas do Salnés e promover a cultura da accesibilidade, fomentando a supresión de barreiras arquitectónicas e outras medidas complementarias.
Segundo explicou a Deputación, o proxecto inclúe obras de mellora da accesibilidade nos concellos de O Grove, Meis, Meaño, A Illa de Arousa, Vilagarcía, Ribadumia e Sanxenxo. Entre as actuacións que se realizarán figura a eliminación de barreiras e adaptación do itinerario da oficina de turismo, a lonxa e o Museo da Salazón no Grove; da senda do Umia (Ribadumia), da senda ao Concello e ao Auditorio, en Meis; o contorno das capelas de San Bieito e As Angustias, do Pazo de Lis, do parque Barreiro e da praza do Concello, en Meaño, así como a mellora de accesos e contorno de espazos públicos e praias en Vilagarcía, A Illa de Arousa e Sanxenxo.
Nava Castro sinalou, neste senso, que é preciso incidir nas accións de promoción, na habilitación de espazos e recursos, na reconversión de zonas con preferencia para persoas con diversidade funcional, na mellora dos accesos e na redución de elementos físicos que impidan a accesibilidade, así como a través de incentivos para mellorar a utilización do espazo turístico.
SINALIZACIÿN TRANSFRONTEIRIZA
O segundo convenio asinado ten por obxectivo a sinalización provincial turística xeral e especial dos límites fronteirizos. A través de diversas actuacións, promocionaranse e divulgaranse os recursos turísticos facilitando a súa visita.
A Axencia de Turismo de Galicia destinará 100.000 euros para a mellora da sinalización dos recursos turísticos da provincia, co obxectivo, segundo subliñou Nava Castro, de contribuír á difusión, promoción e posta en valor destes recursos.
Louzán anunciou que se vai "poñer en marcha concurso público" para a contratación dos traballos de sinalización, de forma que os visitantes que se acheguen a Pontevedra poidan ter perfectamente localizables os elementos máis destacados do noso patrimonio natural, arquitectónico, arqueolóxico e cultural.