Tras revisar os datos dos municipios que, segundo o Instituto Nacional de Estatística, aumentaron a súa poboación no último ano revisado detémonos agora nos que levaron unha tendencia inversa, é dicir, os que viron decrecer o seu padrón municipal.
Catro son os concellos que, ao 1 de xaneiro de 2023 e en comparación co ano anterior, presentan uns datos máis preocupantes. Son Bueu, Caldas de Reis, Vilaboa e Cuntis.
O primeiro deles, Bueu, queda segundo os rexistros do INE en 11.922 habitantes. Son 56 menos que en 2022. Afástase así da barreira das 12.000 persoas censadas, da que baixou en 2020. O seu máximo, ata o de agora, remóntase a 2001 con 12.548 residentes.
Un descenso similar é o que se produciu en Caldas de Reis, que con 58 habitantes menos que en 2022, sitúase para as estatísticas oficiais en 9.620 veciños e veciñas. No municipio, no seu mellor ano -2011-, vivían 10.060 persoas.
En Vilaboa, os habitantes censados a principios de 2023, os últimos datos revisados polo INE, eran 5.950, 54 menos que en 2022. O municipio cae así por baixo dos 6.000 residentes, barreira que recuperara en 2021. Chegou a ter 6.059 en 2015.
Pola súa banda, Cuntis cae ata os 4.549 habitantes, é dicir, 43 menos que a comezos de 2022. No seu caso, leva perdendo poboación desde 2014, cando estaba en 4.931 residentes. Pero o seu máximo na serie histórica aínda se remonta a máis atrás, os 5.834 de 1996.
Nove municipios máis da área de influencia de Pontevedra tamén perderon poboación entre 2022 e 2023, aínda que dunha maneira algo máis moderada que os tres anteriores.
Trátase de Meaño (5.258, -34), Meis (4.706, -29), Portas (2.823, -28), Ponte Caldelas (5.553, -18), Vilanova de Arousa (10.225, -15), Cerdedo-Cotobade (5.687, -10), Moraña (4.126, -7), Ribadumia (5.189, -4) e A Illa de Arousa (4.876, -2).