O sábado haberá cortes de tráfico polo desfile do Entroido

Pontevedra
27 de febreiro 2019

O desfile do Entroido, unha das actividades festivas que máis xente achega a Pontevedra nestes días, provocará o despregamento dun operativo especial de tráfico por parte da Policía Local. Durante as últimas horas xa se foi colocando o valado para este evento

Desfile de Entroido de Pontevedra 2018
Desfile de Entroido de Pontevedra 2018 / Diego Torrado

O desfile do Entroido, unha das actividades festivas que máis xente achega a Pontevedra nestes días, provocará o despregamento dun operativo especial de tráfico por parte da Policía Local. Durante as últimas horas xa se foi colocando o valado para este evento.

Os cortes de tráfico terán a mínima duración, de tal xeito que a apertura farase a medida que transcorra o desfile e a limpeza viaria.

Procederase ao corte de tráfico nas rúas José Malvar (dende o cruce coa rúa da Seca ata a rotonda de Loureiro Crespo), Loureiro Crespo, Benito Corbal, Michelena, Praza de España, Alameda e as rúas adxacentes (Cobián Areal, Casimiro Gómez, Lepanto e Javier Puig).

Os cortes de tráfico faranse a partir das 16:30 horas, excepto José Malvar onde por ser o lugar de concentración das carrozas, poderá cortarse media hora antes.

Ademais, prohibirase o estacionamento en todas as rúas por onde transcorre o desfile. Nas rúas José Malvar, Loureiro Crespo e Benito Corbal, xa dende o sábado a partir das 08:00 horas e na rúa Echegaray desde as 15.00 horas.

A partir das horas sinaladas procederase ao traslado dos vehículos co guindastre.

Os vehículos que se atopen estacionados antes da colocación do valado serán trasladados a outro lugar sen custo algún, mentres que os vehículos que estacionaran despois da súa colocación serán multados con 200 euros e trasladados polo guindastre municipal, o que supón outros 116 euros.

Na previsión dunha gran afluencia de vehículos, a Policía Local de Pontevedra prestará especial atención as entradas e saída da cidade e se fora necesario para garantir a máxima fluidez do tráfico haberá desvíos puntuais.

VÍAS ALTERNATIVAS DE TRÁFICO

O acceso e saída cara a avenida de Lugo (dirección Ourense) será pola rotonda Montecelo, Rúa da Pomba, Santa Margarita, A Seca, José Malvar e Ponte dos Tirantes. Esta saída e entrada pódese ver afectada pola ocupación das carrozas na rúa José Malvar, o que provocará desvíos puntuais a través da avenida Bos Aires cara Monte Porreiro.

Na zona este, para chegar á avenida de Lugo e Xoán Carlos I a saída e entrada será pola nova ponte dos xulgados. O tráfico procedente de Doce de Novembro cara José Malvar será desviado pola rúa Estrada cara Xoán Carlos I.

O acceso á zona norte e oeste farase pola avenida de Marín, Corbaceiras, Uruguay, Avenida Compostela e Paseo Domingo Fontán e a saída cara Poio será por Corbaceiras, Uruguay, Xofre de Tenorio e Alfonso XII ou pola ponte de Santiago, Avenida Compostela, Xoán Manuel Pintos e Paseo Domingo Fontán.

A Policía Local de Pontevedra, por último, recomenda a utilización da AP-9 como alternativa de acceso e saída da cidade e dos aparcadoiros en superficie e de balde das zonas do pavillón dos deportes, o Recinto Feiral e o peirao das Corbaceiras.

Arquivado en