O rueiro incorpora a Placeres Castellanos e Clotilde Fernández, mulleres homenaxeadas o 8 de marzo

Ponte Caldelas
16 de febreiro 2020

Placeres Castellanos, muller vencellada á educación, dará nome á praza da Fonte do Chafarís, na encrucillada da Ludoteca Municipal e o Colexio Manuel Cordo Boullosa. Clotilde Fernández, pola súa relación co río Verdugo, será o novo nome do paseo do río que discorre dende a Praza de Fornelos ata o Balneario

Placeres Castellanos e Clotilde Fernández
Placeres Castellanos e Clotilde Fernández / Concello de Ponte Caldelas

Placeres Castellanos e Clotilde Fernández serán as mulleres ás que Ponte Caldelas homenaxeará o 8 de marzo de 2020, pero ademais pasarán á historia do municipio ao incorporarse os seus nomes ao rueiro.

Así o decidiu o goberno local que ten previsto que Placeres Castellanos, unha muller moi vinculada ao mundo educativo, sexa quen dea nome á Praza da Fonte  do Chafarís, no cruzamento da Ludoteca Municipal e o Colexio Manuel Cordo Boullosa. Por outra banda, Clotilde Fernández será o nome do paseo do río entre a Praza de Fornelos ata o Balneario. Esta muller nada en Ponte Caldelas mantiña unha intensa relación co río Verdugo, ata o punto de que lle sacou rendemento para que a luz eléctrica chegase á vila.

O goberno local entende que con esta medida faise xustiza e sáldase unha débeda histórica con estas dúas mulleres que foron  invisibilizadas ao longo das décadas.

Placeres Castellanos Pan foi mestra, enfermeira, xornalista e guerrilleira. Nación en 1896 en Ponte Caldelas, estivo casada co mestre e sindicalista Víctor  Fraiz Villanueva co que tivo sete fillos. Foi elixida secretaria do Comité de Represión e persecución da mendicidade e de Protección de Menores e foi a primeira muller militante na Agrupación Socialista de Vigo, no ano 1933. Durante a Guerra Civil fusilaron ao seu marido e ao seu fillo Víctor, de 19 anos, traballou como enfermeira e en marzo de 1939 exiliábase a Sète, en Francia, onde colaborou coa Resistencia Francesa contra o nazismo. Despois asentouse en Marsella, onde traballou como xornalista, e representou á cidade do sur de Francia no Congreso Internacional de Mujeres en París no ano 45 coincidindo con Dores  Ibárruri "a  Pasionaria". 

Clotilde Fernández Orge foi unha muller emprendedora, moderna e visionaria de principios do século XX. Coñecíaselle popularmente como "Mamá Clotilde" e foi a persoa que lograba traer a luz eléctrica a Ponte Caldelas en 1907. Tivo dez fillos co doutor José Estévez. Ao herdar sete muíños do seu avó preto do río Verdugo decidiu poñer en marcha un complexo industrial, de forma que durante o día a forza da auga permitia que o serradoiro traballara a madeira e de noite funcionaba como turbina para ofrecer luz eléctrica a toda a poboación. Esta muller pioneira residiu desde 1896 na Casa Indiana, que aínda permanece nas proximidades do Verdugo.