O ritmo de contaxios por Covid non decae na área sanitaria, con 53 novos positivos e 639 casos activos

Pontevedra
25 de outubro 2020

A cifra de persoas positivos por coronavirus hospitalizadas en Pontevedra e O Salnés descendeu en dúas este domingo, para un total de 48, das que 7 evolucionan na Unidade de Coidade Intensivos (UCI), segundo os datos ofrecidos polo Servizo Galego de Saúde

Situación da Covid na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés a 25 de outubro
Situación da Covid na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés a 25 de outubro / Servizo Galego de Saúde

Unha xornada máis a cifra de novos casos de coronavirus detectados na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantense nun preocupante limiar próximo ao medio cento de positivos. 

En concreto, segundo reflexan os datos feitos públicos polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) este domingo 25 de outubro, nas últimas 24 horas confirmáronse 53 novos contaxios mediante proba PCR.

Esta cifra, unida á das 36 altas epidemiolóxicas dadas na última xornada fan que os casos activos na área se coloquen nos 639, o que supón 17 máis que o sábado.

Segue sendo importante tamén a presión hospitalaria que isto provoca, aínda que con respecto á xornada anterior son dous menos os pacientes ingresados, baixando a 48 en total. Deles 7 seguen evolucionando na Unidade de Coidados Intensivos (UCI), mentres que 41  permanencen en planta entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (35), Hospital  do Salnés (4) e Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez (2).

Desde o inicio da pandemia superaron a Covid un total de 2.307 pacientes da área sanitaria, mentres que se contabilizaron 27 falecementos asociados ao virus segundo a información oficial.

Nas últimas 24 horas, informa o Sergas, realizáronse 1.277 probas PCR en Pontevedra e O Salnés, que se suman ás 59.490 efectuadas con anterioridade.

A nivel autonómico, Galicia reduce lixeiramente o número de contaxios deixando atrás o negativo récord do sábado, ao sumar nesta ocasión 597 novos positivos (polos 687 do día anterior). En total, na comunidade contabilízanse ao 25 de outubro 6.431 casos activos, é dicir, 261 máis que a xornada anterior. Deles 371 atópanse ingresados en planta dos distintos hospitais e 49 en UCI.

En Galicia recibiron a alta desde o inicio da alerta sanitaria 25.315 pacientes e faleceron 860 persoas, unha delas no último día.