O río Verdugo deu este mércores a benvida a cen novos exemplares de troita que foron liberados nas súas augas polo alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e o representante do colectivo Verdeseixo Santi Pérez. Supervisado por un técnico do Servizo de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, a iniciativa enárcase nos preparativos da Festa da Troita.
Estaba tamén prevista a participación, como nos anos anteriores, dos nenos dos colexios Manuel Cordo Boullosa e A Reigosa, pero a choiva que non deu tregua durante a mañá impediu a súa asistencia.
As troitas coñeceron así o seu novo hábitat e terán tempo de adaptarse antes do concurso internacional de pesca que se celebra con motivo da festa máis senlleira de Ponte Caldelas. Os exemplares eran maioritariamente duns 20 centímetros de lonxitude, pero tamén había varios con envergaduras de ata case 30 centímetros.
Víctor Rial, técnico de Medio Ambiente, destacou que todas as troitas son exemplares capturados con motivo das limpezas periódicas que se efectúan na contorna das minicentrais eléctricas do Verdugo, polo que, simplemente, trasladáronse río arriba. Son exemplares adultos e perfectamente adaptados ás condicións destas augas, polo que o nivel de supervivencia é practicamente total nestas condicións e tamén garántese unha maior capacidade reprodutora.
Con esta actividade, danse por repoboados varios treitos do río unha semana antes da Festa da Troita, que inclúe un concurso internacional de pesca con gran sona en toda Galicia. Os peixes foron liberados nun couto dedicado á captura sen morte, é dicir, con obriga de devolver as pezas que piquen ao río.