Este venres 6 e o sábado 7 de setembro, Pontevedra regresará ao século XV con motivo da celebración da XX edición da Feira Franca na que o río Lérez reivindica o seu protagonismo.
A concelleira de Festas, Carme Da Silva informou este mércores das novidades que haberá no vixésimo aniversario da festa medieval sendo a principal a ampliación do radio de actuación que supera o centro histórico e o ámbito da Alameda para chegar ata as augas do Lérez.
Unhas vinte embarcacións tradicionais, con máis de 60 tripulantes, navegarán desde o mediodía do sábado polo tramo do río comprendido entre a ponte das Correntes e a ponte do Burgo que estará ambientado para esta ocasión con redes e apeiros, ademais da recreación dos oficios mariñeiros.
Carme Da Silva avanzou que "isto irá a máis" a partir do próximo ano, cando terminen os traballos de recuperación e peonalización da ponte do Burgo.
Esta actividade faise en colaboración con CulturMar que é a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial que se encarga de recuperar embarcacións tradicionais, investigar e difundir este patrimonio.
15 FONTES
Outra das novidades é a instalación de 15 fontes labradas en pedra "con auga da rede pública de calidade". Uns elementos que están deseñados de maneira especial para a Feira Franca. Este servizo xa estaba dispoñible en anos anteriores pero agora dáse "un salto de calidade", dixo a concelleira.
Trátase dunha das melloras incluídas na oferta que fixo a empresa Viaqua para a concesión do servizo de abastecemento no municipio. "Se Pontevedra é a Boa Vila que dá de beber a quen pasa, que menos que teña billas'', chanceou a concelleira.
Carme Da Silva destacou que os preparativos van segundo a planificación prevista "e mesmo as previsións meteorolóxicas que temos, de momento, son espléndidas" polo que todo fai esperar unha Feira Franca "espectacular".
400 BANQUETES
Para esta edición da Feira Franca inscribíronse 250 mesas de particulares para comer na rúa e outras 150 de hostalería. Suman un total de 400 banquetes na vía pública, unha cifra "absolutamente de record" que supón o "tope, máis que isto xa non podemos", sinalou a concelleira de Festas de Pontevedra, Carme Da Silva.
Tamén se autorizaron 70 postos de venda, 33 deles estarán dedicados á alimentación e 37 de artesanía, o que tamén supón o máximo de licenzas permitidas para esta actividade na vía pública.
Finalmente Carme Da Silva indicou que no Goberno local "seguimos estudando" que o sábado da Feira Franca sexa festivo local, atendendo así ás numerosas peticións que chegan desde o comercio da cidade.