A Feira Franca chegou este 2019 cunha novidade. A organización da festa medieval de Pontevedra decidiu incorporar o río Lérez aos espazos urbanos que regresan á Idade Media, lembrando a importancia da actividade marítima da cidade naquela época.
Unhas vinte embarcacións tradicionais, con máis de 60 tripulantes, navegaron este sábado polo tramo do río comprendido entre a ponte das Correntes e a ponte do Burgo.
Toda esta zona, ademais, estivo ambientada para esta ocasión con redes e apeiros. Ademais, na Praza do Peirao recreáronse oficios mariñeiros tradicionais.
Esta actividade fíxose en colaboración con CulturMar, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, un organismo que se encarga de recuperar embarcacións tradicionais, investigar e difundir este patrimonio.
A intención da Feira Franca é aumentar a presenza do Lérez dentro da súa programación a partir do próximo ano, cando terminen os traballos de recuperación e peonalización da ponte do Burgo. A idea será recrear o antigo porto medieval.