O Revitaliza e a Fundación Vicente Ferrer expoñen as súas experiencias sobre a xestión de residuos en Galicia e na India

Pontevedra
10 de outubro 2022

O vindeiro martes 18 de outubro celebrarase unha mesa de traballo para intercambiar ‘know how’ coa colaboración do Fondo Galego de Cooperación

Iniciativa en materia de xestión de residuos desenvolvida na India
Iniciativa en materia de xestión de residuos desenvolvida na India /

O Plan Revitaliza da Deputación e a Fundación Vicente Ferrer, da man do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, celebrarán o vindeiro martes 18 de outubro unha mesa de experiencias na que exporán aos concellos galegos as súas iniciativas en materia de xestión de residuos desenvolvidas na provincia de Pontevedra e na India, baseadas fundamentalmente na compostaxe.

A xornada, que se desenvolverá no Edificio Administrativo da Deputación en Pontevedra de 10 a 14 horas, pretende ser un foro de transferencia de coñecemento no que os gobernos locais obteñan estratexias e ferramentas para o seu persoal técnico sobre como incorporar a sustentabilidade ambiental en proxectos de intervención comunitaria en contornas rurais. A participación é aberta e de balde para todas as persoas interesadas, mais para asistir é preciso inscribirse no enlace.

Abrirán a xornada a presidenta da Deputación Carmela Silva, o vicepresidente e responsable do Plan Revitaliza César Mosquera, o presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade Juan González, e a delegada da Fundación Vicente Ferrer en Galicia María Moldes Suárez.

Dende o Plan Revitaliza, a xefa da sección de Residuos da Deputación, María Martínez Abraldes, falará da aposta pola xestión local do programa provincial, que fomenta o tratamento en kilómetro cero de todos os residuos orgánicos a través da compostaxe individual e comunitaria. Como complemento á explicación teórica a xornada realizarase unha visita a un dos centros de compostaxe comunitaria da cidade de Pontevedra.

Pola súa banda, dende a Fundación Vicente Ferrer, explicarase a iniciativa desenvolvida na India chamada ‘Maana Bhoomi’ (que significa ‘a nosa terra’ en telugu, lingua maioritaria do territorio onde traballa a fundación), que persegue a sensibilización e responsabilidade ambiental na sociedade. Este proxecto céntrase en catro áreas clave: a xestión de residuos, o estilo de vida sustentable, a xestión dos recursos hídricos e a eficiencia enerxética. Das catro, as dúas primeiras xa se desenvolveron no primeiro ano de vida da iniciativa, instalando varios centros de compostaxe nos campus e escolas da Fundación Vicente Ferrer na India, con numerosas actividades de concienciación para a poboación.

Presentarase, ademais, o proxecto ‘Acceso ao dereito a unha vivenda e saneamento para 34 familias rurais desfavorecidas no distrito de Kurnool (India)’, financiado polo Fondo Galego de Cooperación, ao que se vincula a Mesa de Experiencias. Este proxecto iniciouse no Sur da India en abril de 2021 e concluíu en xuño de 2022, beneficiando directamente a 169 persoas e indirectamente a 395 familias da mesma aldea, en total a máis de 2.500 persoas.

Este proxecto, ademais de supor un avance nas condicións de vida da cidadanía, supuxo melloras na concienciación ambiental, e tamén, ao tratarse dunha iniciativa con enfoque de xénero, mudou o rol da muller na comunidade: todas as vivendas escrituráronse a nome das mulleres que pasaron a ser, por vez primeira na súa vida, propietarias, contribuíndo así ao seu empoderamento e protección.