A Comunidade de Montes de Santa Cristina de Cobres alerta de que a dilatación na tramitación nas autorizacións do departamento de Patrimonio da Consellería de Cultura pon en perigo a execución dos dous proxectos de parques forestais aprobados pola Deputación de Pontevedra a realizar no monte veciñal desta parroquia do concello de Vilaboa.
Estes proxectos supoñen un investimento de máis de 100.000 euros en diversos traballos silvícolas nunha superficie que abrangue case 100 hectáreas. Consisten principalmente en tarefas de desbroce, podas, prantacións de máis de 500 castiñeiros e sobre todo eliminación de especies invasoras (eucalipto e nomeadamente acacia negra).
Debido a que parte destes traballos vanse realizar nas inmediacións de restos arqueolóxicos, principalmente mámoas na zona da Chan da Armada, limítrofe co monte veciñal de Santo Tomé de Piñeiro, solicitáronse as petinentes autorizacións a Patrinomio fai xa oito meses.
No caso do primeiro proxecto concedido, o parque Forestal de Cotorredondo, o retraso na resolución da autorización obrigou á renuncia da execución do proxecto. Grazas a que houbo un remanente de fondos destinados aos parques forestais por parte da Deputación de Pontevedra, foi posible presentalo de novo.
A comunidade de montes anuncia que este venres ás 13 horas concentraranse diante da delegación da Xunta
Dende esta Comunidade de Montes queren manifestar a súa "indignación", xa que despois de oito meses agardando pola autorización, Patrimonio resolveu cunha serie de condicionantes como a presentación dun proxecto arqueolóxico que novamente deberá ser autorizado e que probablemente alongará varios meses a autorización definitiva. Os comuneiros critican que esa petición de documentación non se fixera durante o trámite de audiencia.
No caso do parque forestal das Barreiras a situación "aínda é máis grave", xa que a resolución de Patrimonio solicita a presentación dun proxecto arqueolóxico baseándose no movemento de terras debido ás prantacións, "cando en realidade estas están previstas fóra das áreas de afección dos restos arqueolóxicos". Ante esta situación, o Concello de Vilaboa, promotor dos proxectos xa que os comuneiros cedéronlle os terreos para poder acceder a estas subvencións, presentou un recurso de reposición ante a delegación de Patrimonio para que se lle dea unha solución urxente a esta situación, xa que o prazo de execución dos traballos remata o 30 de xuño de 2019 e ainda se teñen que sacar a licitación pública os traballos.
Dende a Comunidade de Montes de Santa Cristina de Cobres demandan "dilixencia" na resolución destes expedientes xa que están en xogo a creación de ata 10 postos de traballo, xa que se tratan de tarefas que requiren moita man de obra, e nas que apenas se vai utilizar maquinaria.
Tamén reprocha que mentres dende a administración se poñen "enormes trabas" a traballos silvícolas que pretenden pór en valor o monte veciñal, así como frear os lumes forestais, por outra parte "pódese comprobar todos os fins de semana como motos e quads circulan libremente por enriba dos restos arqueolóxicos sen que dende a administración se lle poña coto a estas actuacións".
Ante esta situciación a comunidade de montes anuncia que este venres ás 13 horas concentraranse diante da delegación da Xunta de Galicia en Pontevedra para demandar unha solución a estes expedientes.