O renovado parque Amalia Álvarez: un investimento de 60.000 euros e unha área de xogos de 284 metros

Pontevedra
05 de decembro 2021

O Concello de Pontevedra está a piques de sacar a contratación un proxecto de reforma paisaxística do concorrido parque de Amalia Álvarez, unha actuación que permitirá dotar este espazo dunha área de xogos de 284 metros cadrados pensada para rapaces de 4 a 10 anos

Proxecto para o parque de Amalia Álvarez
Proxecto para o parque de Amalia Álvarez / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra está a piques de sacar a contratación un proxecto de reforma paisaxística do concorrido parque de Amalia Álvarez, unha actuación que recibirá un investimento de 59.875,14 euros e que permitirá dotar este espazo dunha área de xogos de 284 metros cadrados. 

Segundo informa a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que impulsa a actuación, a área de xogos está pensada para rapaces e rapazas de 4 a 10 anos e estará na zona sur do parque. 

A intervención está deseñada polo enxeñeiro de Montes Diego Pereira (da firma Acroa) e o xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán e tamén contempla a mellora da xardinería e a plantación de especies arbustivas e tapizantes.

O concelleiro responsable deste departamento, Iván Puentes, explica que o proxecto entra en fase de contratación e só lle resta que a Xunta de Goberno lle dea o seu visto e prace para poder licitarse.

O prego de prescricións técnicas define que o parque teña pavimento amortecedor, un peche do perímetro e unha zona de descanso para os acompañantes cun banco corrido de oito metros no muro que delimita o terreo polo norte. 

Ademais, será obrigado que haxa cando menos un elemento de xogo con criterios de accesibilidade universal e unha randeeira cunha cadeira tipo cueiro e outra plana.

Iván Puentes destaca que o proxecto permitirá mellorar o valor paisaxístico deste espazo e incorporar árbores que envolvan o novo parque.

O edil socialista subliña que o parque de Amalia Álvarez atópase nunha das máis importantes bolsas de solo urbano no centro de Pontevedra e "cómpre dotalo dun equipamento público dedicado aos máis cativos e axeitado ás novas demandas futuras do barrio".