O Entroido de Pontevedra xa está aquí. A recepción municipal ao rei Urco, que precederá ao pregón que dará a comparsa Os Solfamidas, suporá o inicio de nove días de troula na cidade.
Xunto antes da chegada da comitiva do rei Urco haberá unha degustación de filloas na praza da Ferrería. O monarca chegará acompañado do seu séquito e das comparsas Os Canecos, Amoriños de Bora, Las Flores del Carnaval, Os Solfamidas, Os Paparrulos, As Sonecas e Os Miúdos.
A partir das nove, Os Solfamidas serán os encargados de ler e interpretar o pregón do Entroido 2019, un reto que afrontan "con orgullo e certo susto".
Ao día seguinte, sábado 2 de marzo, chega unha das citas máis concorridas da festa: o desfile do Entroido, que sairá da rúa Xosé Malvar (cruzamento con 12 de Novembro) e percorrerá Loureiro Crespo, Benito Corbal, Peregrina, Michelena, praza de España e Alameda.
Comezará as 17.00 horas e tres horas despois, a partir das 20.00 horas, celebrarase a festa do Entroido na praza da Ferrería e nela daranse a coñecer e entregaranse os premios do concurso de disfraces vencellado ao desfile.
O domingo será día de descanso para coller folgos de cara aos seguintes días de festa.