O rei das orquestras, condenado a 12 anos de prisión por fraude fiscal

Pontevedra
04 de marzo 2018

Durante os exercicios 2011 e 2012 Lito declarou ingresos duns catro millóns cando en realidade facturou máis de 50

Ángel Martínez Pérez, coñecido como 'Lito', no banco dos acusados da Audiencia
Ángel Martínez Pérez, coñecido como 'Lito', no banco dos acusados da Audiencia / Mónica Patxot

A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou ao empresario, Ángel Martínez "Lito", coñecido como o "rei das orquestras" en Galicia, a unha pena de 12 anos de prisión por seis delitos fiscais.

Segundo informan os xornalists Victor Méndez en páxinas do Diario de Pontevedra e Carlos García en Faro de Vigo, a sentenza inclúe multas multimillonarias para satisfacer as débedas contraídas con Facenda. Durante os exercicios 2011 e 2012 Lito declarou ingresos duns catro millóns cando en realidade facturou máis de 50.

Os datos expostos polo fiscal, Augusto Santaló, recollendo informacións de Facenda, demostran que Lito chegou a representar a través da súa empresa a máis de 70 orquestras, entre elas a Panorama, París de Noia ou Philadelphia, que realizaban 6.500 actuacións ao ano. A día de hoxe está declarado insolvente.

Durante o xuízo os peritos da Axencia Tributaria, relataron a súa actividade ilícita na que "Lito era o administrador e o que de feito tomaba as decisións". Así estaba rexistrado nunha serie de cadernos nas que se acharon os fluxos de entradas e saídas.