De que se disfrazará este ano Ravachol? Será de Urdangarín? De Cristina de Borbón? De Donald Trump? Quizais busque no armario algún tema máis local. Saberémolo este luns ás 19.30 horas na Praza da Peregrina. Alí recrearase, como é habitual, a botica de don Perfecto Feijoo coa actuación de Comando Foucellas.
A esas horas, moitos espectadores xa se atoparán facendo cola no Pazo da Cultura para asistir a partir das 21.00 horas a unha das citas máis esperadas do Entroido pontevedrés: o Concurso de Murgas, que chega á vixésimo sexta edición.
Este luns será a primeira eliminatoria coa participación dos grupos Os de Noalla, Val do Lérez, Murga femenina de Pontevedra: Las Pitonisas e a Murga 25 anos de PTV.
O mércores chegará a segunda eliminatora coa participación de Equipo Ja, Leña Verde, Charanga do Naveiro: Parking disuasorio World Tour e Marajota e media.
O xoves disputarase a final entre os clasificados de ambas as eliminatorias. Será tamén a partir das 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura.