O desfile do sábado é a actividade do Entroido que máis gusta aos lectores de PontevedraViva que participaron na enquisa aberta durante toda a pasada semana. O 34,25% dos participantes elixiuno por riba do resto de actividades.
A segunda actividade que máis gusta é o concurso das murgas, que para o 29,79% constitúen a súa proposta favorita. O enterro do loro Ravachol, a Mostra da Parodia e a Noite Pirata, ocupan esta orde no gusto dos lectores respecto das citas do entroido pontevedrés.
BALANCE DO GOBERNO LOCAL
O portavoz do goberno local, Raimundo González Carballo, fixo un balance do Entroio "máis que positivo". Transcorreu con normalidade, sen incidencias e cunha gran participación en todas as actividades "tanto de agrupacións, comparsas, colectivos... como de público". Unha concorrencia que tivo unha repercusión moi positiva, destacou, no comercio e sobre todo na hostalería pontevedresa.
Dende o Concello quixeron subliñar o "acertado" de trasladar o pregón á praza da Ferraría, pois toda a xente que acudiu a darlle a benvida ao entroido non tería cabido na praza da Verdura. O novo espazo resultou tamén "máis cómodo para as comparsas".
O desfile foi "o máis participativo que se lembra". Máis de cinco horas de desfile polas rúas de Pontevedra deixaron constancia da "altísima calidade dos disfraces, imaxinación e bo humor dos participantes e do altísimo predicamento que ten o espectáculo coas rúas cheas en todo momento de público".
O Concurso de Murgas, xa na súa XXVI edición, volveu a ser unha das citas máis esperadas do entroido pontevedrés. De novo o Pazo da Cultura quedou pequeno para acoller ao público, entregado a retranca e bo humor.
Tamén o tempo respectou a Mostra da Parodia, con 11 agrupacións con propostas atrevidas, divertidas e provocadoras que procuraron, con éxito, a partipación do público.
O Enterro de Ravachol acadou este ano unha importante participación de viúvas e achegados vestidos de época, o que contribuíu a realzar o velorio e as honras fúnebres.
O tempo respectou a Noite Pirata, que tamén foi moi participativa e interactiva. Tres barcos navegaron pola zona monumental, sendo a tripulación do pirata Benito Soto a que levantou maiores simpatías entre un público entregado, que seguiu de troula rematado o espectáculo.