O Punto Limpo Móbil de Poio contou cunha notable actividade ao longo do seu primeiro ano en funcionamento. Logo da súa inauguración en xaneiro de 2020, este dispositivo itinerante, que cada semana se instala por espazo de varios días en cada unha das parroquias do municipio, foi utilizado por un total de 837 persoas.
A concelleira de Servizos Municipais, Chelo Besada, salienta a boa acollida que tivo esta prestación, que é totalmente gratuíta, e que os veciños do concello poden utilizar para depositar restos como electrodomésticos, mobles, restos textís, madeiras, chatarra, plásticos e Residuos de Aparatos Eléctricos e Electrónicos (RAEE), para que reciban o tratamento de reciclaxe axeitada.
O feito de que máis de 800 persoas utilizasen o Punto Limpo amosa, na opinión da tenente de alcalde socialista, "a concienciación que ten a gran maioría da cidadanía á hora de preservar o medio ambiente".
Máis da metade dos usuarios que se beneficiaron deste servizo corresponden ao segundo semestre do ano (2020). En concreto, foron 526, polos 311 que houbo entre xaneiro e xuño. Neste sentido, Besada achaca esta diferencia á situación provocada pola pandemia da COVID-19, toda vez que o decreto do estado de alarma en marzo obrigou a paralizar a actividade do Punto Limpo Móbil desde mediados de marzo ata a terceira semana de maio. Tanto é así, que, por exemplo, en todo o mes de abril non estivo operativo.
"Temos a seguridade de que, en condicións normais, neste primeiro ano o servizo probablemente tería contado con máis de 1.000 usuarios", estima a tenente de alcalde.
Os maiores meses de actividade corresponden ao verán. Entre xuño e agosto fixeron uso do dispositivo itinerante un total de 396, o 47,3% do total.
Con respecto a este segundo ano de actividade, o Punto Limpo Móbil mantén tanto os emprazamentos e percorridos como os horarios habituais de atención ao público. Así, esta semana o servizo estará operativo en Costa Xiráldez, o martes e o xoves.
Posteriormente, entre o 12 e o 14, desprazarase ata A Seca, en San Xoán. Dos días 19 ao 21 será no aparcadoiro de Chancelas (Combarro) e, finalmente, a última semana dividirase nunha estancia (25 e 26 de xaneiro) na Praza Alfredo Romay de Samieira e o 27 e 28 na Rúa Leopoldo Nóvoa de Raxó. O horario será de 9.00 a 14.00 horas, salvo no caso dos días no que se sitúa en Chancelas. Alí, para non coincidir coas horas de entrada e saída dos escolares, está operativo entre as 9.30 e as 13.30 horas. Na páxina web do Concello pódese consultar o calendario do servizo dos vindeiros meses.
Chelo Besada remata lembrando que, para depositar os residuos, tan só é preciso que as persosas interesadas leven o DNI, para constatar que son veciños de Poio.