O Punto Limpo Móbil de Poio contabilizou preto de 350 depósitos en cinco meses

Poio
13 de xuño 2023

O dispositivo desprázase a cada parroquia do municipio de xeito semanal e permite o tratamento de residuos como electrodomésticos, chatarras ou textís, entre outros. O servizo de recollida a domicilio de voluminosos deu resposta a un total de 484 avisos no que vai de 2023

Material recollido no Punto Limpo Móbil na súa estancia en Raxó
Material recollido no Punto Limpo Móbil na súa estancia en Raxó / Concello de Poio

O Punto Limpo Móbil de Poio, que está operativo desde principios de 2020, vén de rexistrar unha importante actividade durante os primeiros cinco meses de 2023. Entre o 1 de xaneiro e o 31 de maio de 2023 preto de 350 usuarios fixeron uso deste servizo itinerante, que todo os meses se instala semanalmente en todas as parroquias do municipio, empezando polo parque de Costa Giráldez (San Salvador), o aparcadoiro da Reiboa (San Xoán), o aparcadoiro de Chancelas (Combarro), a Praza Alfredo Romay (Samieira) e a rúa Leopoldo Nóvoa (Raxó). Nos dous últimos casos, a instalación permanece activa na última semana de cada mes (martes e mércores e xoves e venres, respectivamente).

O Punto Limpo Móbil permite á veciñanza dispoñer dun sistema axeitado para levar a cabo o tratamento de diferentes restos, como son madeiras, chatarra, plásticos e Residuos de Aparatos Eléctricos e Electrónicos (RAEE).

A media de entregas mensuais está próxima ás 70, segundo os datos que manexa Valoriza, a empresa responsable do tratamento de residuos en Poio.

O mes no que se rexistrou unha maior actividade no Punto Limpo Móbil foi o de maio, cun total de 83 recollidas, seguido de abril (74). No extremo oposto sitúase xaneiro, con 51 entregas. A excepción de maio, no que o emprazamento que acolleu a un maior número de usuarios foi o parque de Lourido, onde se rexistrou unha maior actividade de xeito periódico foi no aparcadoiro situado no lugar de Chancelas. Entre xaneiro e abril, as entregas neste lugar superaron ao resto de emprazamentos con 17, 27, 19 e 18.

No último informe tamén se aprecia un incremento no uso deste servizo na parroquia de Samieira, especialmente durante a primavera. 

O Concello de Poio recorda que o horario de atención ao público do Punto Limpo Móbil é de 9.00 a 14.00 horas, salvo no caso dos días no que se sitúa en Chancelas. Alí, para non coincidir coas horas de entrada e saíde dos escolares durante o curso escolar, está operativo entre as 9.30 e as 13.30 horas. Na páxina web do Concello pódese consultar o calendario do servizo, así como as súas vantaxes e tipos de lixo que se trata.

RETIRADA DE VOLUMINOSOS

Outro servizo que se mantén activo e que conta cunha importante demanda por parte da veciñanza é o da recollida a demanda de voluminosos. Foron un total de 484 os avisos aos que se deron resposta no que vai de 2023. A todo isto hai que sumarlle os labores de recollida de restos abandonados na vía pública, que se levan a cabo sen aviso previo, co obxectivo de eliminar puntos de vertidos. En total, nestes últimos cinco meses xestionáronse unhas 54 toneladas de lixo a través desta prestación.

Os residuos máis habituais á hora de preceder á súa retirada son colchóns, mobles, electrodomésticos de diferentes tamaños, roupa ou chatarra, entre outros. Cómpre recordar que a recollida a domicilio pode solicitarse de luns a venres, en horario de 9.00 a 13.00 horas, chamando ao número de teléfono 986771185.