O Sergas decidiu aplicar cambios nos puntos de realización de test de antíxenos gratuítos á cidadanía que levan en marcha desde finais de 2021. A partir do próximo luns 14 de febreiro, tan só funcionarán os instalados en Pontevedra e Vilagarcía e será en días alternos e en horario de tarde.
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés decidiu, ademais, un cambio fundamental no caso do punto instalado na cidade de Pontevedra. Pasa de funcionar no recinto feiral da cidade para instalarse no exterior do Hospital Provincial. En concreto, estará na zona do aparcadoiro do hospital ao que se accede desde Loureiro Crespo, o mesmo lugar no que en decembro funcionou o punto de realización de probas PCR.
Este punto funcionará os martes e xoves en horario de tarde, como xa ocorre nas últimas semanas, de 15.30 a 20.40 horas. Para poder acudir, haberá que pedir, como ata o de agora, cita previa nesta ligazón.
A partir do luns 14 tamén deixará de funcionar o punto de cribado de test de antíxenos situado no Museo de Manuel Torres de Marín. Tras pecharse tamén os puntos instalados en Caldas de Reis e Sanxenxo días atrás, tan só quedarán, por tanto, os de Pontevedra e Vilagarcía.
No caso do punto do auditorio de Vilagarcía, abrirá tres días á semana, luns, mércores e venres (martes e xoves funcionará o de Pontevedra) tamén en horario de tarde, de 15.30 a 20.40 horas.
Ademais, tanto en Vilagarcía como en Pontevedra este servizo deixará de funcionar as fins de semana.
Durante os últimos días, a evolución da pandemia levou a reducir a actividade destes puntos de test de antíxenos e, de feito, este martes 8 de abril tan só realizáronse 99 probas nos tres emprazamentos, 45 en Vilagarcía, 21 en Marín e 33 en Pontevedra. Detectáronse tan só 7 positivos, cinco en Vilagarcía, dous en Marín e ningún en Pontevedra.