O mes de maio preséntase con tres novas actividades dentro da programación de 'O Puntazo'.
A Casa das Campás acollerá do 2 de maio ao 7 de xuño o curso 'Comunicación dixital e novos medios audiovisuais' impartido por Oswaldo García, doutor de Comunicación Audiovisual e profesor na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, co propósito de espertar a creatividade das empresas e axudarlles a levar a súa marca cara a novos formatos audiovisuais.
O obxectivo desta proposta céntrase en "crear un espazo formativo para espertar comportamentos creativos das empresas de 'O Puntazo' e explotar ou seu modelo de negocio", afirmou Anabel Gulías, concelleira de Promoción da Cidade, quen considera que se trata dunha "ferramenta indispensable para colocar ás empresas nun nivel avanzado".
É unha oportunidade para que persoas non especialistas nos novos formatos audiovisuais, aqueles non vinculados á radio ou a televisión e que requiren intervención en espazo público, como o videomapping ou a creación de pequenas instalacións interactivas audiovisuais, poidan desenvolver proxectos complexos coa axuda ofrecida polos profesionais, crear novas estratexias máis accesibles, económicas e creativas apoiándose na tecnoloxía e expandir así a súa comunicación, xa sexa en redes sociais ou espazos públicos.
A actividade será gratuíta para aquelas empresas que formen parte de 'O Puntazo', con posibilidade de ampliar ao resto de negocios no caso de que non se cubran todas as prazas.
Outro dos eventos organizados consistirá nun encontro o 31 de maio ás 20:00 horas entre as empresas de 'O Puntazo' e o alumnado participante no proxecto 'A Canteira' da Universidade de Vigo, páxina web onde os estudantes mostran os seus traballos a modo de portfolio.
Preséntase con dobre finalidade; que as empresas se actualicen, aprendan novas técnicas e formas de traballar dos estudantes, axudando a estes a establecer contacto cos negocios e que entendan o traballo que realizan.
Por último, e en celebración do décimo aniversario de 'Polo correo do vento', colección de libros para os pequenos, retomaranse as presentacións das empresas dentro do puntazo para dar visibilidade ao seu talento o 8 de xuño ás 20:30 horas.