O PSOE ve "decepcionante" o orzamento de Poio para 2024: "reflicte á perfección as mentiras de Ángel Moldes"

Poio
18 de decembro 2023

Gregorio Agís critica que a partida non contempla ningunha rebaixa en impostos, a pesar de que o alcalde prometeu reducir o IBI nos 3 primeiros meses de mandato e que o alcalde "só necesitou seis meses para disparar a débeda en 1,5 millóns de euros e deixala case nos 9 millóns"

Gregorio Agís, voceiro do grupo municipal do PSdeG-PSOE
Gregorio Agís, voceiro do grupo municipal do PSdeG-PSOE / Mónica Patxot

O grupo municipal de PSdeG-PSOE encontra "decepcionante" o orzamento de Poio para 2024 e considera que "reflicte á perfección as mentiras do señor Ángel Moldes".

O voceiro municipal dos socialistas, Gregorio Agís, critica que a partida non contempla ningunha rebaixa en impostos, a pesar de que o alcalde prometeu reducir o IBI nos 3 primeiros meses de mandato.

Ademais, cuestiona o gasto de máis de 30.000 euros anuais para pagar un novo asesor "elixido a dedo" polo alcalde, Ángel Moldes.

"Este vai ser o Goberno local co soldo do alcalde e as dedicacións máis elevadas da historia e con máis asesores que nunca", avisa Agís, que critica que Moldes "insiste en pregoar unha suposta herdanza económica moi mala, pero que lle vale para mellorar o seu soldo e contratar a dedo a persoas do seu entorno".

Tamén ve "moi grave" a ausencia de investimentos, sobre todo tendo en conta que o Partido Popular votou en contra de anteriores orzamentos de xeito sistemático e criticaba que as cantidades previstas para obras e investimentos eran insuficientes. "Agora, en cambio, non hai ningunha partida consignada", denuncia Agís.

Gregorio Agís tamén fala de "incompetencia" de Ángel Moldes porque nos seus seis primeiros meses no goberno local non foi quen nin de asinar ningún convenio de colaboración con outras Administracións nin de conseguir fondos europeos, "a pesar de contar con administracións da súa mesma cor política".

A situación da débeda é outro dos puntos que critican os socialistas, que sinalan que a "nula capacidade de xestión" obriga a Ángel Moldes a pedir un segundo préstamo desde que é alcalde. Gregorio Agís denuncia que "o señor Moldes só necesitou seis meses para disparar a débeda en 1,5 millóns de euros e deixala case nos 9 millóns.