O PSOE usa o incendio da nave de Jealsa para defender o GES de Sanxenxo e opoñerse ao desmantelamento

Sanxenxo
10 de maio 2021

A parlamentaria socialista por Pontevedra Paloma Castro destaca a participación de efectivos do GES de Sanxenxo no operativo despregado durante 48 horas en Boiro e que "demostra a necesidade de contar con equipos formados e persoal suficiente" en materia de emerxencias

Accidente de tráfico na Autovía do Salnés
Accidente de tráfico na Autovía do Salnés / Emerxencias Sanxenxo

O grupo do PSOE no Parlamento de Galicia usou este luns como exemplo o incendio que a pasada fin de semana arrasou a nave de Jealsa en Boiro para saír en defensa do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Sanxenxo e opoñerse ao desmantelamento que cre que ten en marcha a Xunta de Galicia. 

A parlamentaria socialista por Pontevedra Paloma Castro destaca a participación de efectivos do GES de Sanxenxo no operativo despregado durante 48 horas en Boiro e que "demostra a necesidade de contar con equipos formados e persoal suficiente" en materia de emerxencias.

A socialistas lembra que non é a primeira vez que se require a participación deste GES en zonas fora do seu radio de cobertura territorial debido á súa formación, profesionalidade e anos de experiencia.

A pesar deste recoñecemento á súa valía, Castro critica que o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, "en conivencia co vicepresidente da Xunta", Alfonso Rueda, pretenden desmantelar este servizo, recortando a plantilla de 18 a 12 membros e reducindo as quendas de garda a 2 persoas.

Á vista desta situación, a socialista anuncia unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que paralice o desmantelamento. Ademais, lamenta que os gobernos local e autonómico manteñan a súa folla de ruta e "non dean o brazo a torcer" no que vai supoñer o desmantelamento dun "servizo esencial" que afecta a varios municipios.

A parlamentaria socialista reclámalle á Xunta que recoñeza a importancia vital deste GES, o único de fora da provincia da Coruña mobilizado para atender o incendio de Boiro, e que interveña como mediador no conflito no GES de Sanxenxo. Pide que manteñan o persoal existente neste momento, "que é imprescindible para desenvolver o servizo de emerxencias nos concellos de Sanxenxo, Meaño e Poio".