O grupo municipal do PSOE trasladou este martes á Comisión de Urbanismo do Concello de Pontevedra a "crecente preocupación existente polo incesante goteo de peche de locais hostaleiros na nosa cidade", en particular daqueles que se dedican ao lecer nocturno no centro histórico.
Os socialistas consideran que o goberno local debe adoptar con urxencia solucións, entre elas unha modificación do Plan Especial de Protección, Reforma Interior e Conservación Artística (Peprica) que foi aprobado hai dúas décadas e que se atopa obsoleto.
A concelleira do PSOE Yoya Blanco asegurou que "a situación resulta insostible" e por iso preguntaron ao BNG "se tamén está preocupado por este tema e se está a analizar a vía do Peprica para fomentar a hostalería".
Segundo informou Yoya Blanco "tras admitir cando menos que o Peprica está obsoleto, o propio concelleiro César Mosquera asegurou que, máis aló do lecer nocturno, non existe ningún tipo de problema na hostalería de Pontevedra".
Blanco criticou a "incomprensible falta de empatía" da Administración municipal por "ollar cara a outro lado, non facer absolutamente nada ao respecto e lavar as mans".